| |
¿Que é Infobrión?
InfoBrión.com
nace no ano 2002 como iniciativa do Grupo de Investigación Socio-Territorial
GIS-T IDEGA da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración
co Concello de Brión, o Centro de Educación Infantil e Primaria
de Pedrouzos e o Instituto de Educación Secundaria de Viceso ámbolos
dous emprazados no propio Concello de Brión. Institucionalmente
dita colaboración se concreta en dous Convenios Marco asinados
polo Rector da Universidade de Santiago co Alcalde do Concello de Brión
e o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
da Xunta de Galicia.
O Grupo de Investigación Socio-Territorial (GIS-T) forma parte
do Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento de Galicia (Idega)
da Universidade de Santiago de Compostela. É un grupo interdisciplinar
no campo das Ciencias Sociais no que traballan de forma complementaria
e coordinada profesionais de diferentes áreas científicas,
xeógrafos, economistas, traballadores sociais, sociólogos,
arquitectos-urbanistas, especialistas en comunicación e psicopedagogos.
O seu obxectivo principal é o de contribuír ó desenvolvemento
sostible de Galicia e a súa proxección internacional, nos
eidos social, económico e territorial. As súas actividades
están orientadas á investigación básica e
aplicada e á difusión e formación especializada de
Recursos Humanos a partir dos resultados obtidos e metodoloxías
aplicadas nos seus estudios e investigacións concretas.
Como grupo de investigación ten unha ampla experiencia en temas
relativos ó desenvolvemento social e económico en áreas
rurais e urbanas. Os seus investigadores teñen participado na elaboración
de estratexias de dinamización social e planeamento participativo
en México, Irlanda, Alemania, Portugal i España. No eido
da planificación estratéxica o GIS-T traballou na redacción
do Plan Estratéxico de Marketing Territorial da rede das 18 cidades
de Galicia e Norte de Portugal que conforman o "Eixo Atlántico".
En consultaría de empresas o GIS-T e os seus membros teñen
participado en proxectos diversos entre os que destacan estudios socioeconómicos
agrarios a nivel comparativo internacional para a Fundación Feiraco
ou a participación no "Estudio sobre saídas laborais
para titulados universitarios" elaborado para Consultores Económicos
Asociados S.A. etc. En canto á formación de Recursos Humanos
o GIS-T dirixe e imparte cursos sobre Planeamento Territorial, Xeografía
da Sociedade da Información e Planificación Estratéxica
Municipal e Marketing Territorial, tanto en modalidade presencial como
semipresencial a través da tecnoloxía WebCT. Ten impartido
cursos en diferentes institucións universitarias de México,
Irlanda, Alemania, Portugal e España.
Actualmente, o GIS-T está a desenvolver o proxecto SINDUR,
"Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano Rexional.
Fundamentos teóricos e análise de impacto en rexións
periféricas", financiado con fondos FEDER da Unión
Europea e polo Ministerio de Ciencia y Tecnología (MCYT), e a Xunta
de Galicia a través da Dirección Xeral de Investigación.
No marco do proxecto SINDUR o GIS-T está a levar a cabo un módulo
de investigación centrado nas metodoloxías de inclusión
social na Sociedade da Información (E-Inclusión), sendo
unha peza fundamental o desenvolvemento dunha comunidade virtual no Concello
de Brión a través da creación e dinamización
de www.infobrion.com.
Descarge a nosa
presentación
Pode
descargar a nosa presentación oficial en power point
Para máis
información consulta-las páxinas web:
http://www.usc.es/~idega/gistweb.html
http://www.usc.es/~idega/proxectos_en_curso.html
|
|
|
|
|