Unión Europea Ministerio de Ciencia y Tecnología Xunta de Galicia Concello de Brión Universidade de Santiago de Compostela Consulta o teu mail



Presentación
Xestión e administración
O Instituto na memoria
O obradoiro do sabio
Excursións didácticas
Actividades deportivas
Festas e conmemoracións
Vida cotiá no instituto
Revista do instituto
Axenda
Taboleiro de novas
Xogos
Cartas ó director
Asociación de pais e nais
Asociación de ex-alumnos


Ciberinstituto de Viceso
O instituto na memoria
 

A poetisa de Brión
Os poemas escritos por Filomena Fraga
Eu non tiven oportunidades, non vos desanimedes e se vos propoñedes unha meta alcanzarédela. Nunca teñades complexos de nada, sede sempre vós mesmos

IES deViceso

Neste caso, recollemos para Infobrión unha das poesías de Filomena Fraga presentadas no seu libro de poemas “Ábrelle a Cancela”. Trátase dun poema que, á vez que critica a paulatina desaparición dos carballos, fálanos de cómo empregaban as diferentes partes desta árbore para sacarlle proveito e utilidade.

Filomena Fraga, veciña de Calo de Agrón (Ames), coñecedora e defensora da cultura popular foi convidada a vir ó centro para compartir a súa experiencia e inquedanzas coa mocidade do Instituto.Hai uns anos Filomena recompilou parte da súa sabedoría no libro "Ábrelle a cancela" onde se recolle parte da súa memoria histórica. "...Un saúdo para todos. Estou encantada de estar aquí, porque a min gústame moito a xuventude. Téndelo todo. Tendes a fermosura, tendes a alegría, tendes saúde...case vos envexo. Quero que saibades que eu fun catro anos á escola unha vez ó día, porque cando había traballo tiñamos que quedar na casa. Aínda hoxe teño gañas de aprender e de superarme, e quen me dera vivir nesta época e que puidera ir á escola e estudiar e ter libros, eu non tiven esa oportunidade, non vos desanimedes e si vos propoñedes unha meta alcanzarédela. Nunca teñades complexos de nada, sede sempre vós mesmos".

Filomena coméntanos que a ela sempre lle gustaron moito os libros e a lectura. Ata a súa xubilación, non dispuxo do tempo suficiente para ler i escribir. Foi co libro de poemas “Ábrelle a Cancela” cando se estreou no mundo da literatura, axudada polo escritor Suso de Toro.
Neste libro, recóllese un fermoso poema adicado ós carballos, principal árbore autóctona de Galicia, que co paso dos anos reduciu considerablemente a súa extensión nos montes galegos debido á repoboación con outras especies como o pino ou o eucalipto.
Ademais, antigamente sacábaselle proveito a tódalas partes desta árbore. Algo que Filomena redacta á perfección no seu poema, onde mestura ámbalas dúas temáticas: crítica polo desaparición e exaltación do carballo dos nosos montes.

"O CARBALLO"

Carballo, carballiño da carballeira
Carballo, carballiño que poucos quedan.

das túas polas tivo teito a miña casa...

do teu pé saquei madeira pro meu carro...

coas túa polas fixen rachas pra face-lo caldo...

cebei o meu porquiño coas túas landras...

e coas túas follas fíxenlle a cama...

á túa sombra, recobrei vida...

Carballo, carballiño da carballeira
Carballo, carballiño que poucos quedan

Estas frases soltas extraídas deste poema confirma o comentado anteriormente.

ENTREVISTA:
-¿Que che parece o Día da Muller?
Hai que celebralo e recordar a esas mulleres que morreron por defender o seu posto de traballo. Aínda hai bastante máis que facer, porque a muller non chegou ó mesmo nivel que o home, a ter os mesmos postos de traballo, a gañar o mesmo...

-¿Cómo viviu vostede os cambios desde a súa época ata agora?
Avanzamos moito, antes nin había case escolas, nin material escolar... Este nivel de vida que temos agora é moito mellor, aínda que ten os seus pros e os seus contras.

¿Os poucos anos que foi á escola, que aprendeu?
Aprendía algo do mapa: as capitais, cabos e golfos de Europa. A sumar, restar, multiplicar e dividir. Antes os profesores era moi autoritarios non era como son agora.

-¿Pódenos facer un breve resumo do seu libro?
Escribino sen ter un gran nivel cultural, porque a min sempre me gustaron moito os libros, eu leo moito; e cando me xubilei tiven tempo de escribir. Había moitas cousas como refráns, contos, anécdotas...que se estaban perdendo. Á xuventude de agora non lles oes falar desas cousas, entón pareceume moi importante escribilas para que non se perderan. Eu calquera día morro, pero o meu libro permanece aí. Ten historias curtas, unhas son verdadeiras e outras inventadas; é un pouco o reflexo do vivir nas aldeas.

-¿Canto tempo lle levou escribilo?
O libro escribino nun inverno. O meu home morreu, quedei soa; e como as noites se me facían moi longas decidín escribilo. Un amigo recomendoume facelo para sacar a tristeza que tiña, en certo Modo foi el quen me animou. Ese amigo é Suso de Toro, foi el quen o corrixiu, tardou tres anos en facelo.O que si me custou foron cartos, xa que pedín axudas e todas me foron denegadas; así que o paguei cos cartos da miña pensión. Fixéronse mil exemplares e despois funos vendendo. Ganancia non me dou... Pensei que ían ser demasiados pero ó final aínda vendería outros mil máis se os tivera.. Sempre tiven ganas de facer unha segunda edición pero non dispoño deses cartos e máis dá moito traballo facelo.

-¿Por que o titulou así?
O título de "Ábrelle a cancela"; quere dicir que aí hai unha agra cerrada e que ninguén sabía dela, que ninguén entrara dentro,...Todo o que eu gardaba intentei sacalo ó exterior. Entón abro a cancela e todo o mundo pode entrar a ver o que hai. Esta é a idea do libro.

-No seu libro tamén hai poesía .¿Que temas trata?
Detrás de cada poesía hai unha crítica a algo, como por exemplo "O carballo", que antes era unha árbore que nos servía para todo e agora estanse a arrincar para plantar no seu lugar eucaliptos. O poema "Este mundo é un bandallo", é unha crítica ós políticos na que quero dicir que a maioría deles, moito aparentar pero despois non hai preocupación nin polos demais nin por nada. Tamén a que lle dedico á muller labrega que sempre foi ignorada, porque antes sempre era o home o que mandaba e coa muller non se contaba para nada.

-¿Quen fixo a presentación do libro?
Quen mo presentou foi Suso de Toro. El tamén mo corrixiu como xa dixen antes e ademais tamén lle fixo o prólogo. Para min foi unha axuda e máis unha orientación. Gracias ó concello de Negreira e máis a asociación cultural de Negreira puiden publicalo.

-¿Pódenos dicir que películas e lecturas lle gustan?
Eu comecei lendo libros de Neira Vilas, de Castelao, Rosalía... e de escritores galegos. As películas que me gustan son de investigación, policíacas, as de antes, de Paco Martínez Soria.

-¿Participa en contos, tertulias... ou con outra xente para intercambiar historias?
Hoxe xa non moito pero antes non perdía un cursiño que houbese en Negreira ou no teleclub.


FILOMENA FRAGA: "Eu non tiven oportunidades, non vos desanimedes e se vos propoñedes unha meta alcanzarédela. Nunca teñades complexos de nada, sede sempre vós mesmos".

Traballo realizado polo alumnado de 4º B.


 

 

 

 

 



Sons [Espera uns segundos para escoitar o son]
- Non hai

Vídeos [Espera uns segundos para ver os vídeos]
- Entrevista a Filomena Fraga

Foros relacionados
- Non hai

Persoas relacionadas
- Non hai

Información relacionada
- Non hai

Envíalla a un amigo
Para enviarlle esta información a un amigo, preme aquí

 

 

Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)