Unión Europea Ministerio de Ciencia y Tecnología Xunta de Galicia Concello de Brión Universidade de Santiago de Compostela Consulta o teu mail
 
 
Benvido ó foro ¿Que opinas acerca da creación dunha granxa virtual que venda productos caseiros por Internet?
Fcarmas publicou o 21-07-2006 16:29:47
As tecnoloxías da información e a comunicación e en especial Internet, están cada día máis presentes nas nosas vidas. A meirande parte das institucións, empresas, e outros organismos e institucións teñen web propia, de onde podemos obter información acerca de produtos e servizos variados. Pero son moitas menos nas que podemos mercar produtos ou servizos, incluso simples descargas de formularios. Existen algunhas iniciativas de comercio electrónico de carácter individual moi innovadoras, webs onde podemos mercar produtos caseiros por Internet, que están a ter un destacado éxito dentro do incipiente mundo do comercio electrónico. ¿Qué opino acerca da venda por Internet dos produtos caseiros? Pois que lles vou a contar. Aínda que non son moi vello, nacín e vivín a maior parte da miña vida no medio rural, e sei ben cal é a diferenza dos produtos caseiros da aldea ós produtos tradicionais da industria agroalimentaria. Pero non fai falla vivir nin nacer no rural para apreciar as diferenzas. Quen nos ía a dicir que podemos mercar dende a oficina, cíber, taberna, ou dende as antípodas, ovos, polos, patacas ou calquera outro produto caseiro, e poder disfrutalos ó cabo de vintecatro horas. Igualiño que mercar un CD. Dende o meu punto de vista é unha iniciativa magnífica, non só pola comodidade dos urbanitas para adquirir produtos de alta calidade do agro, senón polos propios habitantes do medio rural que ven con estas iniciativas unha posibilidade de mellorar os seus ingresos. Ou simplemente, poder barallar a opción de seguir a vivir no medio rural. Está xa moi dito, quizais trillado, os graves problemas que sofren estes espazos; éxodo rural, avellentamento demográfico, despoboamento das aldeas, declive económico, e un longo etcétera. É hora de que vaiamos tomando cartas no asunto, e aínda que isto compete en maior parte ás administracións públicas, a sociedade debe tomar conciencia deste grave problema e apoiar iniciativas deste tipo, que dean, alomenos un pouco de aire fresco a estes espazos. Saúdos ós internautas que se somerxen nestes foros.

makeijan publicou o 26-07-2006 13:16:06
Home, non jodades máis con trapalladas de tal orden e preocupadevos máis de facer máis cousas polo concello, esta páxina vai resultar ser un engana_bobos que serve para encher os petos de \"alguns poucos\". Deseño mediocre, contidos mediocres, e noticias que so interesan a eses \"alguns poucos\", ou credes que os veciños do concello nos interesan as \"maravillosas Xornadas Sindur\" ou a \"presentación de InfoBrion no X Congreso da Poboación Española a celebrar en Pamplona\". Poñedelle máis empeño e gozade de dar os veciños o que lles fai falla. Alguen de vos se preocupou de facer enquisas ou avaliacións sobre o funcionamente e aceptación desta web. Deixade de propoñer cousas sen sentido, quen ia atender una granxa virtual se non podedes nin manter contidos interesantes. un saudo e seguide asi de MAL.

makeijan publicou o 26-07-2006 13:17:14
Ahhh, por certo, e deixade tamen que os veciños tomen parte nos foros, a maioria empezadelos e rematadelos vos. o dito, unha pena.

bonza publicou o 28-07-2006 13:11:55
Parece que para non gustarche InfBrion sorprendentemente estás moi enterado das maravillosas xornadas sindur e demáis, de non sei que de Pamplona, etc. os foros a mín parécenme moi interesantes e recollen oponións diversas e variadas que refexan a vida de Brión. Son necesarias ideas, argumentos, a crítica en positivo e sobre todo aportar algo e non descalificar. A mín o da Granxadixital me parece unha idea innovadora e como podes observar nas enquisas parece interesar moito a xente de Brión.

Fcarmas publicou o 28-07-2006 15:17:37
Estimado “makeijan”. Antes de responder ás súas cuestións, e xa que vostede se preocupa moito polo seu concello, debería facer críticas construtivas co fin de aportar ideas, mellorar nos aspectos sociais, económicos, en fin, da vida diaria do concello. En lugar de botar pestes a este tipo de iniciativas innovadoras, debería aportar algo, estea ou non relacionado con InfoBrion. De seguro que se dentro de catro días, alguén, ben sexa mediante iniciativas individuais, empresas, institucións, etc., faga algo polo Concello de Brion, tamén botará pestes sobre elas. Polo que escribe, dáme a sensación de que non ten moita idea de que é InfoBrion, nin cales son os obxectivos que persegue. Invítoo a que vaia á sección de Presentación e os ollee. Para contestarlle á cuestión de que a infoBrión só lle interesa a “uns poucos” dicirlle o seguinte. InfoBrion é visitado por case dous mil vistantes distintos que ollan cerca de cen mil páxinas cada mes, todo isto nun concello cun pouco máis de seis mil cincocentos habitantes. Por outro lado, se consulta o ranking Alexa (www.alexa.com), observará que InfoBrion é máis visitado que a maioría das webs municipais das principales cidades e vilas galegas. Se isto é interesarlle a “uns poucos”, cada quen que saque as súas propias conclusións. No tema dos foros, cada quen opina o que lle parece acerca das actividades que se fan no concello, preocupacións, etc., tanto para manifestar o seu apoio ás mesmas ou o seu desacordo, para apoiar ou criticar. Para rematar, dicirlle que en InfoBrion, ó igual que calquera outro veciño/a do concello, está a convidado a colaborar na difusión e implantación das novas tecnoloxías no Concello de Brión. Sempre baseándose no traballo coa cultura e a educación. Non sei se recuperar a memoria histórica do concello mediante testemuños orais, recollidos en imaxe e son dixital acerca das experiencias vividas na Guerra Civil Española, as dificultades na posguerra, a emigración, divulgar o uso das TIC nos centros de ensino, fomentar o uso do correo electrónico, etc... son como di vostede “cousas sen sentido” e que “só interesan a uns poucos”. Saiba vostede que InfoBrion, “mediocre e que non interesa a ninguén”, estase a implantar en trinta e tres concellos da provincia de Salamanca, co apoio da Fundación Germán Sánchez Ruipérez (vexa www.fundaciongsr.es e as novas a este respecto en InfoBrion). Reciba un cordial saúdo.

makeijan publicou o 31-07-2006 06:22:38
Ola de novo, a ver, vaiamos porpartes: 1- Vamos coas criticas constructivas que vostede promulga os catro ventos. En primeiro lugar, Infobrión, para min, é unha moi boa idea, que levada a práctica con senso, podería chegar a funcionar ben; porque meu señor, poña vostede a un dos nosos maiores a navegar pola sua web e logo escriba neste foro a opinión que él ou ela lle poida dar. 1ª critica constructiva: fagan vostedes unha páxina máis sencilla e cuns buscadores que funcionen axeitadamente porque ainda os que estamos acostumados a movernos neste mundo nos costa un pouco. 2ª critica constructiva, ¿de que maneira os veciños de Brión participan nesta web? eu creo que de ningunha ou de ben poucas. Preocupanse vostedes de facer xuntanzas e de preguntarnos polo que nos interesaría ver nesta web. ¿Cantas persoas do concello traballan actualmente para Infobrión? E cando digo traballar refirome a traballar, non a estar postos no staff técnico de cara a galería. Segundo o meu punto de vista Infobrión debería xerar algun que outro posto de emprego para a xente do concello. 3ª critica constructiva, ¿para que unha granxa dixital se ainda existen casas en Brión sen teren acceso a internet? Ahi unhas prioridades básicas a cubrir antes que poñerse a facer torres no aire. E rematando, 4ª critica constructiva, ¿alguen se preocupou de formar os veciños para que poidesen entrar na web sen ningun tipo de problema? Seguro que vostede me vai contestar que \"si\", e dende logo, xa e ben sabido que se cansaron de promulgar os catro ventos esta web, tanto no colexio coma no instituto, pero meu homiño, esa xente está cansada de navegar, formar a poboación de mediana e avanzada idade é o necesario. Como un gandeiro vai poñerse a vender os seus queixos por internet se non sabe nin encender un ordenador. Por outra banda, enganase vostede de novo o dicir que non teño moita idea do que é Infobrion; volvolle de novo a dicir que o traballo de cara a galería non me vale, bote vostede de contas cantos dos obxetivos que Infobrión se propuña se cumplen. No tema das visitas volve vostede a vendernos a moto, pero botando un pouco as contas e contando con que infobrión se implantou moi ben no coleixo e no instituto, e que cada seman aparecen novas relacionadas cos rapaces, as visitas case que estan están garantidas; pero eu preguntome cantos veciños maiores de 30 anos visitan Infobrión... ¿vostede non se o pregunta? Estaría encantado de saber este dato... E por último, alegrome de que Infobrión funcione tan ben que se vaia implantar en trinta e tres concellos de Salamanca, pero so espero que o saiban utilizar de mellor maneira do que se está facendo aqui. Volvo a repetir: INFOBRIÓN É UNHA MOI BOA IDEA, pero faille falla un gran cambio. Outro saudo afectuoso e sen rancores.

Fcarmas publicou o 31-07-2006 12:39:53
Ola de novo, Sr./ra. makeijan, Antes de nada, quixera agradecerlle todas as críticas que vostede fai neste foro, así como as interesantes suxerencias que propón. Para comezar a responderlle ás cuestións que plantexa acerca desta iniciativa, dicirlle que difundir e implantar as tecnoloxías da información e comunicación nun determinado territorio, non é tarefa sinxela e leva tempo. Non se fai dun día para outro e é preciso contar con todo tipo de apoios, dende o ámbito institucional, empresarial, e como non, e o máis importante, a colaboración e implicación da sociedade. E isto mesmo é o que estamos a facer, intercambiando opinións e aportando novas ideas nestes foros. E agora respóndolle ás cuestións que me comenta. En canto á primeira crítica, dicirlle que non lle falta razón, os buscadores poderían funcionar mellor e o deseño e navegabilidade da páxina tamén. A este respecto, dicirlle que esta web foi deseñada a mediados do ano 2003 e inaugurada a comezos de 2004. Pasaron case 3 anos e este tempo en Internet conta moito. Tendo en conta isto, InfoBrion estase a renovar, tanto dende o punto de vista do deseño como da programación, e porase en funcionamento no vindeiro outono. Ese traballo estao a executar o Centro Internacional de Tecnoloxías Avanzadas (CITA) da Fundación Germán Sánchez Ruipérez en Salamanca, en colaboración coa Universidade de Santiago. Esperamos que esta nova versión sexa do seu agrado e de todos/as os veciños/as de Brión. No tocante á segunda crítica, os veciños/as de Brión participan nesta web de moitos xeitos. A primeira e máis directa é mediante a súa opinión nos foros, enquisas, e mercadiño virtual. Ademais, InfoBrion conta cun buzón de suxerencias onde non chegan habitualmente queixas ou propostas dos veciños/as para mellorar diversos servizos municipais, as cales llas facemos chegar ó persoal do Concello de Brión. Por outro lado, en cada unha das seccións da web, a poboación local está presente; dende as festas, as viaxes dos veciños, a música, os octoxenarios, etc. O tema das xuntanzas é unha boa idea, non o estamos a facer porque non sabemos cal sería o mellor xeito de facelo. ¿Ten ó respecto algunha idea? Estamos abertos a colaborar con vostede e con calquera veciño/a do concello para contar coas opinións da poboación. No tema das persoas que traballan na actualidade para InfoBrión, dicirlle o seguinte. InfoBrion non é un servizo municipal, forma parte dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Educación e Ciencia e estao a executar a Universidade de Santiago de Compostela. Para elo, asináronse diversos convenios de colaboración co Concello de Brión e coa Xunta de Galicia para traballar tanto no concello como nos centros educativos. InfoBrion naceu no seo da Universidade de Santiago como un proxecto piloto co obxectivo de implantar e difundir as TIC no Concello de Brión e será entregado a esta institución a comezo do ano 2007. En relación ó acceso a Internet, cando comezamos a executar InfoBrion, non había banda ancha en ningún centro de ensino e case ningunha conexión en todo o concello. Na actualidade, case todo o territorio dispón de conexión ADSL igual que os dous centros de ensino. InfoBrion creou unha demanda, e froito desa demanda as empresas do sector proporcionaron ese servizo. Pero insisto, é un proceso lento, e temos que ir dando pasos pequenos pero firmes. E na última crítica, a formación dos veciños. Teño que darlle a razón de que é moi importante a formación dos cidadáns, así como as infraestruturas, pero volvo ó que lle comentei antes, é un proceso que leva tempo. Non estamos de brazos cruzados a este respecto e vanse a implantar en breve puntos dixitais por todo o concello situados en centros sociais, tabernas, etc. con acceso gratuíto a Internet. Ademais, estes puntos dixitais terán o apoio dunha persoa para ensinar a calquera veciño que o desexe a navegar por Internet, consultar o correo electrónico, crear novas contas de correo (ofrecemos contas de correo electrónico gratuítas para tódolos veciños/as de Brión que o desexen), ollar o xornal, ensinarlle á poboación ás potencialidades das TIC, etc. Pero estamos a falar dun proceso difícil e lento, non podemos construír unha casa nunha tarde. E xa para rematar, o da granxa virtual non se está a entender ben. Este proxecto ten contemplado o apoio total ós produtores. Haberá persoal de apoio que ensine as nocións básicas ós gandeiros, tanto para ofertar os seus produtos como para a súa comercialización. Agradecémoslle e valoramos moi positivamente todas as súas críticas e suxerencias, e estamos abertos a todo tipo de colaboracións e novas ideas. Reciba vostede un afectuoso saúdo, e pode estar seguro, sen rancores. Unha aperta.

obiguan publicou o 09-08-2006 21:01:08
Eu estou totalmente dacordo con makeijan - como imos recuperar a memoria historica se é imposible atopar nada nesta web. MENOS SAMBA E MÁIS TRABALLAR.

cousas publicou o 05-12-2006 16:38:43
Fan falta máis ideas e apoiar as boas iniciativas. Os veciños de Brión temos que ser máis unidos e tirar do carro das cousas boas que temos e non poñer obstáculos nin pretender manipulacións políticas. A mín esto de comprar productos nas granxas de Brión paréme moi acertado; os novos veciños coido estariamos moi interesados pois cantos compramos os ovos, polos, leitugas, patacas.... caseiros. As granxas de Brión poderían ter unha boa oportunidades para vender os seus productos. Pode ser unha oportunidade para as parroquias da parte alta.



Foro pechado
Data peche: 05/12/2007
Hora peche: 00:00


 

 

Foros relacionados
- Non hai

Buscas
Busca a noticia que necesitas

 

Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)