Infobrion Correo Electrónico
Cestos

O museo etnográfico de Brión xurde dunha idea desenvolvida polos alumnos do Colexio Público de Esparís-Viceso no curso académico 1991-1992. Nun principio, plantexouse como unha actividade da área de Ciencias Naturais, pero co paso do tempo a iniciativa foi a máis, sendo varios os alumnos e profesores interesados en recuperar e coñece-las diferentes características, elementos e pezas dunha cultura tradicional que, aínda que está próxima no tempo e no sentir, corre o perigo de desaparecer polos cambios sociais, culturais i económicos que presenta Galicia nas últimas décadas do século XX. Nunha excursión realizada ó museo etnográfico, os alumnos puideron observa-los diferentes instrumentos utilizados en oficios tradicionais desenvolvidos no Concello de Brión. Destacamos os seguintes oficios:

Os cereiros

Trátase dun oficio tradicional que consiste na elaboración de productos a partires da cera producida polas abellas. Esta cera natural denomínase tamén "cera virxe”, a cal xa non se utiliza actualmente debido a que foi substituída por un hidrocarburo chamado “parafina”, co cal conseguen similares resultados que coa cera virxe e o seu prezo é inferior.
Actualmente, a cera virxe utilízase na elaboración de cosméticos e o seu prezo é moi elevado, o que impide ós cereiros de hoxe en día traballar con este material de cara á súa comercialización. Antigamente, os donos dos panais deixaban que os cereiros quitaran a cera a condición de que lle retirasen a mel. Desta forma, ambos saían beneficiados: o dono dos panais obtiña a mel de forma gratuíta e o cereiro levábase a cera. Transportándoa a pé ou sobre animais.
Na elaboración das velas, os cereiros utilizaban a cera virxe e a cera sobrante das igrexas (velas gastadas). Pero antes necesitaban “branquexar” (limpar) esta cera para que non tivera impurezas. Con esta finalidade cocían a cera en auga, quedando finalmente a cera na parte superior e a auga na inferior. Posteriormente retiraban a cera e colábana nunha “peneira” para quitarlle os materiais grosos e os que non interesaban, para obter así unha cera de calidade para elabora-los seus productos.
As impurezas que quedaban na “peneira” denominábanse “ borralla”, de ahí que ós cereiros tamén se lle coñeza co nome de “borralleiros” ou “capadores”.
Esta “borralla” utilizábana moitas veces como abono para as leiras, pois é un fertilizante moi eficaz.
Unha vez que a cera xa estaba limpa, derretíase para facer os novos productos: Velas, velóns, exvotos, etc. Estes últimos consisten en pequenas figuras de cera que representan diferentes partes de corpo, que son ofrecidos ós diferentes santos para que estes intercedan polas súas enfermidades, como é o caso da Santa Minia no Concello de Brión.
Afortunadamente, en Brión todavía existen cereiros que elaboran os diferentes productos de forma artesanal. Un claro exemplo témolo nun cereiro de Bastavales chamado Javier Tobío. Podes consulta-la súa ficha: preme aquí

As sombrereiras

Trátase dun oficio tradicional desenvolvido maioritariamente polas mulleres, que elaboraban sombreiros coa palla de centeo (habitualmente) ou de trigo.

No proceso de elaboración dos sombreiros, seguíanse os seguintes pasos:
1. Corta-la parte central de cada palla. Pois é a parte máis dura e a que mellor resiste os continuos nodos que debemos realizar.
2. Comézanse a facer nodos con dúas pallas dobradas e posteriormente trénzanse novas pallas ata face-lo ”cu do sombreiro” (parte central - superior do sombreiro).
3. Comeza a facerse o curuto do sombreiro (parte central ou copa onde se mete a cabeza) polo “rosquete”, facendo trenzas con novas pallas.
4. Faise a “ala”, que permite protexe-la cara do sol (en verán) ou da choiva en inverno. Cando ten o ancho suficiente, pónselle un cordonciño ó redor que se coñece co nome de “remate”.
5. Unha vez feito o sombreiro, pónselle unha tea de cor ó redor da copa e un laciño na parte esquerda denominado “caravel”. O caravel permite saber cal é o dereito e o revés do sombreiro.
6. Finalmente, no remate da “ala” colócase unha cinta de cor para ata-lo sombreiro por debaixo do queixo da persoa que o está usando.
No Concello de Brión todavía quedan algunhas mulleres que coñecen esta técnica tradicional. Máis información na ficha: preme aquí

Os cesteiros

Ó contrario dos oficios anteriores, non había artesáns que se dedicasen á elaboración de cestos, pois moitas persoas facían os seus propios cestos na casa.
No museo etnográfico de Brión, podemos ve-los diferentes materiais empregados na elaboración de cestos de diferentes tamaños. Cestos que sobre todo utilizaban para transportar herba.
Existían dous tipos de cestos en función do material empregado para a súa construcción:
a) Cestos de vimbio: Construídos con vimbios (Salix viminalis).
b) Cestos de paízas: Construídos con varas de carballo (Quercus robar)
c) Cestos de vimbio e paízas: O esqueleto está construído con paízas e o resto con vimbios.

Os cestos podían ter dúas ou unha asa polo que collelo. Cando só teñen unha asa chámase “carabelos”, diferenciando “carabelos pequenos” (utilizados para poñer patacas, recoller froita, colocar ovos,…) ou “carabelos grandes” (utilizados para recoller espigas, esfollar, levar unha merenda, apaña-las uvas,…).

Os cesteiros, tamén elaboraban o “loro” dos carros e dos apeiros de labranza. Peza que sirve para engancha-la cabeza dos animais.

Os zapateiros

No museo etnográfico podemos ve-las diferentes ferramentas empregadas polos antigos zapateiros do Concello de Brión.
Antes de nada, debemos distinguir entre os “zapateiros de portal ou remendóns”, aqueles que se dedicaban a ir arrancando o calzado polas casas; e os “zapateiros de taller”, mellor recoñecidos e que traballaban no seu taller de zapatería. Para cegar á categoría de “mestre zapateiro”, primeiro debían traballar doce anos ou máis como “aprendices” e posteriormente outros sete ou oito como “oficial”. Evidentemente, nos primeiros anos de aprendiz, simplemente facían fíos para coser e os recados dos cargos superiores. No museo podemos ver algúns destos productos, ademais dun amplo número de ferramentas como martelos, “formas” (moldes de madeira para face-la forma dos zapatos), pinzas, etc.

O traballo do liño

No museo etnográfico podemos ver como se realizaba o proceso de recolección e tratamento do liño e as diferentes ferramentas utilizadas.
Para máis información preme na seguinte ficha didáctica: preme aquí

O percorrido polo museo etnográfico rematou na sección adicada ós xoguetes que fabricaban os nenos de Brión fai moitos anos. Pois por aqueles tempos, a maioría dos nenos tiñan que fabrica-los seus propios xoguetes.

¡Recomentadámosvos a todos que visitedes este interesante museo etnográfico!

© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela