Infobrion Correo Electrónico

Os bós hábitos alimenticios a repaso no IES Esparís

Infobrión

Os hábitos alimenticios adquiridos durante a infancia e a adolescencia determinan en gran parte os nosos costumes dietéticos nas etapas posteriores da nosa vida, ademais de influir en gran maneira a nosa saúde. Para concienciar da importancia dunha boa alimentación na adolescencia, Jovita, unha médico de Brión, impartiu unha serie de charlas no IES Esparís destinadas aos alumnos de 1º e 2º da ESO do centro.

Durante os días 17 e 18 de Xaneiro a biblioteca do IES Esparís foi o escenario dunhas conferencias centradas na alimentación e nos bós hábitos dietéticos. A encargada de impartir estas charlas foi Jovita Muñoz, médico-pediatra residente no concello de Brión. O alumnado de 1º e 2º da ESO participou nesta actividade que pretendía non só educar, senón tamén sinalar a importancia da corrección dos malos hábitos alimenticios da mocidade actual para evitar problemas somáticos na idade adulta.

A charla, explicada a través dunha presentación visual, comezou centrándose no sobrepeso e na problemática que este pode chegar a acarrear. A cantidade de grasa no corpo calcúlase mediante unha sinxela operación matemática: o peso corporal en kilos dividido entre a estatura en metros ao cadrado. O exceso de peso na adolescencia pode determinar a calidade da saúde co paso dos anos. As enfermidades cardiovasculares e as afeccións crónicas como a diabete son resultado, en grande medida aos malos hábitos alimenticios e á obesidade.

A importancia dunha dieta variada tamén centrou parte da conferencia. O corpo necesita a diario proteínas, hidratos de carbono, lípidos, vitaminas, auga e sales minerais, compoñentes que se atopan nun réxime heteroxéneo. Jovita explicou a "Pirámide nutricional", na que destacan a importancia dos alimentos e as racións necesarias destes para seguir unha dieta equilibrada. Tamén recalcou a trascendencia de facer un bó almorzo, xa que representa o 25 por cento nos requerimentos e a distribución dietética, fronte ao 15 por cento da merenda, e xunto coas dúas principais comidas do día: o xantar e a cena cun 30 por cento cada unha.

Outros temas tratados durante a charla, foron a importancia do ferro e o calcio para un crecemento correcto, os alimentos onde se poden atopar estes compoñentes, e a importancia do exercicio físico diario para fortalece-lo organismo e combati-lo sobrepeso. Para finalizar, a médico fixo un resumo coas inxerir froitas e verduras en cada comida, evita-las grasas saturadas, comer de forma equilibrada e beber a lo menos 6 vasos de líquidos ao día.

Consulta, se o desexas, a presentación completa da charla no seguinte enlace.

Alimentación en adolescentes

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela