Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
<Ant | 2  3  | Seg>
Separador
Certame Sensores 2018
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

Alumnado do IES de Brión acada o 1º premio no certame Sensores 2018

Infobrion.com

O IES de Brión volve a ser noticia pola excelencia do seu alumnado. Estudantes de 1º de Bacharelato de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico, acaban de obter o 1º premio no concurso "Sensores 2018", un certame convocado por Igaciencia e que conta co patrocinio do Concello da Coruña.

Este galardón recoñece a calidade do proxecto BrionXbot; un robot deseñado, fabricado, controlado e programado integramente polo alumnado do centro de Secundaria brionés e que está inspirado nas esculturas cinéticas do artista neerlandés Theo Jansen.

A iniciativa desenvolveuse como proxecto interdisciplinario dos departamentos de Tecnoloxía e Debuxo no último trimestre do curso e contou co soporte do Laboratorio de Formas Procesos e Materiais do IES de Brión, aberto este curso 2017/18 no contexto dos Contrato-programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Un merecido recoñecemento

A entrega de premios celebrouse o pasado xoves 21 de xuño no IES Ramón Menéndez Pidal - Zalaeta da Coruña. Fátima Viqueira Barca e Alberte López Freire, que acudiron ao acto en representación do alumnado participante no proxecto, explicaron os aspectos máis salientables do mesmo e fixeron unha demostración do funcionamento do robot.

BrionXbot é un autómata de seis patas distribuídas en dous trens situados nos costados dun corpo central ou chasis. Cada tren está formado por tres articulacións montadas sobre un cegoñal e ancoradas nun eixe fixo. A rotación do motor move estes mecanismos de tal xeito que os extremos das patas describen unha traxectoria cíclica de avance. Está dotado de diversos sensores que permiten recompilar datos sobre distancias, temperatura, humidade e luminosidade. Grazas á incorporación de Bluetooth e a unha pantalla LCD é posible monitorizar os datos obtidos a través dun smartphone ou directamente no robot. Tamén se poden controlar os movementos do robot de xeito remoto dende un teléfono móbil.

Manuel Díaz Regueiro (Presidente de Igaciencia), Silvia Cameán Calvete (Concelleira de Xustiza Social e Coidados do Concello da Coruña) e Valentín García Gómez (Secretario Xeral de Política Lingüística), felicitaron ao alumnado polo seu traballo.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela