Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
Separador
Radio emBrión afronta con novas entrevistas a recta final do curso
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

Radio emBrión afronta a recta final do curso con novos programas e entrevistas

Infobrion.com

Radio EmBrión, a emisora en liña do instituto brionés, continúa coa súa programación na recta final do curso. Nas últimas semanas sentaron diante dos seus micrófonos parte do alumnado que realizou a viaxe a Londres; Carlos Callón, profesor, político e Presidente de Honra da Mesa Pola Normalización Lingüística; Lucía Parente e Xabier Rei, alumnos de prácticas do master de profesorado no IES de Brión; a ex alumna do centro Laura Maroñas, Antonio Moreiras "Peke" da orquestra Olympus e Elías Silva, profesor de relixión curtido no Camiño de Santiago.

Parte do alumnado de 3º ESO B que visitaron Londres (Lidia, Yassin, Sandra, Aarón, Diego e Jonathan ) compartiron coa audiencia da radio estudantil as súas experiencias na excursión que cada curso organiza a sección bilingüe de Inglés coa profesora Carmen García á fronte, esta vez acompañada polos profesores Senén Adán, Luís Araujo e Sandra Vázquez.

Continuando coa serie de programas de entrevistas, un dos espazos con maior audiencia da grella radiofónica, e grazas á colaboración do Departamento de Orientación e Cristina Galdo, Radio emBrión convidou a Carlos Callón (profesor, escritor e persoa con moitas inquedanzas políticas e sociais) que falou con algunhas alumnas de 3º de ESO (Inés Ferreiro, Alba González, Clara Cidrás, Cristina Esparís e Andrea Antelo) sobre como vive a súa orientación homosexual neste mundo no que aínda quedan muros por derrubar e camiño por andar cara á normalización da comunidade LGTBI. Asemade, Carlos tamén quixo apoiar a campaña ?Eu apúntome ao galego ? un proxecto impulsado polo Departamento de Dinamización lingüística. Neste eido, Carlos fixo unha valoración de como está a situación do galego a día de hoxe. Participaron no programa as alumnas Alba Suárez, Leda Penabade, Laura Dacal e a orientadora Cristina Galdo.

Da dinamización lingüística pasamos a orientación académica, neste caso da man de Lucía Parente Romero e Xabier Rei Vázquez, dous mozos que están facendo as prácticas do master de profesorado no IES de Brión. Unha oportunidade que aproveitou a emisora en liña do centro para entrevistalos e difundir entre os ouvintes información sobre o grao en Bioloxía que fixo Lucía e o de Ciencias Químicas que fixo Xabier.

Nunha liña similar encádrase a entrevista á ex-alumna do instituto Laura Maroñas Cunqueiro, unha moza que foi alumna do IES de Esparís no ano 2006 e que cursou posteriormente un ciclo de atención sanitaria. Despois de facer a proba de acceso en Tenerife estuda o ciclo superior de educación infantil. A día de hoxe está na Escola de Idiomas perfeccionando as súas competencias en inglés. Para entrevistala acudiron aos estudio radiofónico os seus curmáns e alumnos do centro Adan Maroñas e Antía Cunqueiro, a alumna Sara Molinos e a súa ex profesora Pilar Moreno.

Outra visita destacada á radio estudantil de Brión foi a de "Peke". O alumno de 3º de ESO Pablo Álvarez organizou esta entrevista ao seu ídolo e compoñente da orquestra Olympus que contou como é o seu traballo de festa en festa no verán e como empezou a súa historia na coñecida agrupación musical. Tamén participaron outros seguidores do grupo: Luz Freire, Andrea Raña, Nerea Iglesias, Laura Quinteiro e Alberto Prieto.

E xa a piques de rematar o curso académico, o alumnado de 1º ESO A realizou na clase de relixión uns traballos moi interesantes, coa metodoloxía do traballo cooperativo, sobre o camiño de Santiago. Para rematar a unidade didáctica radio emBrión convidou a Elías Silva Moruja, un profesor de relixión nun IES de Carballo que leva infinidade de quilómetros percorridos nos distintos camiños que conducen a Compostela. Representando aos distintos grupos, participaron na entrevista : Andrea, Adan, Luz, Nerea, Elena e Fabiola.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela