Os alumnos de 1º Ciclo da ESO do IES de Brión visitaron esta semana as novas instalacións da biblioteca pública municipal. A actividade, froito da colaboración entre o IES de Brión e a Biblioteca Pública de Brión, pretende dinamizar o uso da biblioteca entre os máis novos, como un centro de recursos para a información, a educación e o lecer.
A visita, de aproximadamente 45 min. de duración, serviu de presentación aos escolares de Brión das ampliadas e renovadas instalacións das que goza a biblioteca dende comezos de abril. Ademais da nova localización, os alumnos do instituto puideron coñecer os servizos que presta a biblioteca e o xeito de acceder a eles. Tamén se familiarizaron coa nova distribución dos fondos bibliográficos e audiovisuais nas diferentes seccións nas que se distribúen.
Ao longo de maio, mes das nosas letras, a biblioteca quere concertar máis visitas dos escolares brioneses, dirixidas agora ao CEIP de Pedrouzos. Tamén vai organizar, en colaboración co departamento de Cultura do Concello de Brión, a tradicional Feira do Libro, que inclúe diversas actividades de dinamización que axiña coñeceremos.