Os pequenos recibirán unha clase semanal de media hora e participarán tamén en varios obradoiros de cociña.
A gardería municipal de Brión vén de poñer en marcha esta semana unha novidosa iniciativa para que os meniños aprendan inglés. “A nova mestra de infantil impartirá media hora de clase aos pequenos de entre dous e tres anos”, explica Dolores Campos, directora da gardería, “xa que pensamos que están nun momento no que aprenden moi rápido, en que son auténticas esponxas que o absorven todo e, canto máis pronto comecemos, máis doado será para eles collerlle o gusto a un novo idioma”.
As clases comezaron esta semana e terán lugar todos os martes na aula 6 (rapaces de máis de dous anos e medio) e na aula 5 (rapaces entre dous anos e dous anos e medio). “En función de como funcione nos plantexaremos tamén integrar aos nenos do aula 4, de menos de dous anos”, anuncia Dolores Campos.
Alma Calvo, mestra de infantil que se acaba de incorporar este curso á gardería municipal brionesa, anuncia que “faremos unhas clases moi participativas e atractivas, creando personaxes e mascotas que lles permitan seguir con ese proceso no que están de integrar novas palabras”. Así, unha marioneta en forma de rato, chamado “Mr Friend”, será o “encargado” de que os pequenos aprendan cousas en inglés coma o nome das cores, os días da semana e outras verbas de uso cotiá. Por exemplo, cando os pequenos corren pola clase a profesora utiliza a palabra “run” e cando dan un brinco utiliza “jump”, verbas que repiten os pequenos durante o xogo. “Queremos que se familiaricen coa lingua inglesa e que teñan un vocabulario básico”, explica Alma Calvo, unha iniciativa pola que os pais e nais dos pequenos xa amosaron o seu interese.
Magosto e obradoiro de cociña
Así mesmo, e debido ao éxito acadado no curso anterior, a gardería municipal celebrará tamén durante o ano diversos obradoiros de cociña. O primeiro deles terá lugar este mesmo mes de outubro, concretamente o xoves día 30, no que terá lugar un magosto. Os mestres da escola infantil de Brión asarán as castañas, das que os pequenos darán boa conta.
Rocío Rey, mestra de infantil encargada destes obradoiros, apunta que “o día despois do magosto imos facer uns bombóns de castañas”. Rocío Rey explica que “traeremos unha fondué de chocolate, colocaremos as castañas nuns palillos e os pequenos encargaranse de recubrilas co chocolate para facer uns curiosos chupas que o ano pasado xa tiveron incluso máis éxito que o propio magosto”.