Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
<Ant | 2  3  4  5  | Seg>
Separador
Novas instalacións da Escola Infantil Municipal de Brión
A gardería de Brión estrea unha nova aula e un ser... [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

A escola infantil municipal de Brión estrea unha nova aula e un servizo de comedor escolar

Concello de Brión

O Concello de Brión investíu máis de 62.000 euros na cuarta ampliación da gardería, que ten matriculados un total de 71 alumnos/as

A Escola Infantil Municipal de Brión, ubicada na parroquia de Os Ánxeles, vén de comezar este luns un novo curso, no que están matriculados un total de 71 alumnos/as de entre tres meses e tres anos de idade (67 en turno de mañán e 4 en turno de tarde, turno no que todavía quedan prazas libres). Un novo curso que a gardería municipal de Brión afronta con dúas grandes novidades: unha nova ampliación de instalación e un novo servizo de comedor escolar.

O Concello de Brión investíu máis de 62.000 euros nunha nova ampliación das instalacións da Escola Infantil Municipal. Unhas obras que permiten abrir neste curso 2007-2008 unha quinta aula para os meniños/as (co seu correspondente baño adaptado), un novo patio interior, unha sala para profesores, un cuarto de baño para o persoal da gardería e un almacén. Esta ampliación é a cuarta que acomete o Concello de Brión para facilita-la conciliación da vida familiar e laboral dos seus veciños/as e está motivada pola gran demanda de prazas para rapaces destas idades. De feito, as ampliacións realizadas polo Concello de Brión permitiron multiplicar por 3 o número de prazas dispoñibles dende a creación da gardería.

Coa entrada en servizo desta nova aula, os nenos/as da Escola Infantil Municipal de Brión quedan organizados do seguinte xeito: aula 1 (que atende 8 bebés de 3 a 10 meses), aula 2 (con 13 rapaces de entre 11 e 14 meses), aula 3 (con 13 rapaces de entre 15 e 18 meses), aula 4 (con 13 nenos de 18 a 20 meses) e unha quinta aula (con 20 rapaces maiores de 2 anos). Unhas aulas que están atendidas por seis mestras especialistas en educación infantil, dúas técnicas especialistas en xardín de infancia, un técnico especialista en animación sociocultural e a directora do centro, licenciada en pedagoxía e mestre especialista en educación infantil.

A outra gran novidade deste curso é a utilización dun servizo de comedor escolar. A directora da Escola Infantil Municipal de Brión, Dolores Campos, confirma que a día de hoxe “trinta e cinco rapaces empregan xa este novo servizo”, aínda que espera que o número poida incrementarse nos vindeiros días, segundo os pais vaian coñecendo este novo servizo. Dolores Campos explica que “empregamos un sistema de catering que xa trae todo preparado e quente para os rapaces, polo que non hai que recalentar nada”.

Este servizo de catering ofrece dous tipos de menú. Para os máis pequenos hai un menú baseado en papillas-purés e iogur de postre. Os máis maiores disponen dun menú con dous primeiros pratos e un postre, fundamentalmente a base de froita. Tódolos menús que están pensados e perfectamente preparados para a idade de cada rapaz. Ademais, os pais poden consultalos na propia gardería, onde están expostos os menús para todo o mes, e teñen a posibilidade de cambialos, con tempo, cunha simple chamada de teléfono. Asemade, a Escola Infantil Municipal de Brión tamén ten a posibilidade de pedir comidas especiais, se fose necesario, para algún neno/a.

Para estes primeiros días de setembro, o equipo de mestres dirixido por Dolores Campos ten previsto realizar un programa de adaptación dos nenos á volta o colexio. Un programa dirixido especialmente aos 34 novos rapaces/zas que se incorporan este ano á Escola Infantil Municipal de Brión e co que buscan que os rapaces coñezan tanto aos seus coidadores coma o seu propio centro escolar. Un proceso que “nuns quince días habitualmente xa está todo solucionado”, apunta Dolores Campos.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela