O 17 de Maio, Día das Letras Galegas, é sempre unha data destacada no calendario do CEIP Pedrouzos. Multitude de actividades enchen a axenda durante unha semana, centradas particularmente, en actos relacionados coa literatura e o teatro. Dende visitas á Feira do Libro, pasando por representacións teatrais ata chegar a espectáculos musicais... De todo para tódolos cursos.
As xa habituais visitas guiadas á XVII Edición da Feira do Libro, ocuparán parte do tempo adicado as actividades relacionadas con esta festividade. Estes paseos teñen, como broche de ouro, unha sesión de contacontos a cargo de "Charo Pita".
O teatro terá un especial relevancia durante estes días. O Concello organizou diferentes sesións para cada un dos ciclos formativos, e que se repartirán do seguinte xeito:
- O Luns 21, ás 15:30 h.: "Historia dunha semente", obra destinada ós alumnos e alumnas de Infantil e primeiro ciclo de Primaria do CEIP Pedrouzos. Actuación a cargo do grupo Caramuxo Teatro no Centro Social Polivalente.
- O Martes 22, ás 15:30.: Sapristi Teatro poñerá en escea a obra "Unha merenda de Alicias" da que poderá desfrutar o alumnado de segundo ciclo de Primaria do CEIP Pedrouzos. O Centro Social Polivalente será o lugar da cita.
- O Mércores 23, ás 15:30 h.: O "Lazarillo" chegará ó escenario do Centro Social Polivalente da man do grupo Caramuxo Teatro, para facer rir e aprender ós alumnos e alumnas de terceiro ciclo de Primaria.
María Mariño, escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2007, foi o eixo central da charla impartida por Patricia Arias, profesora de Lingua e Literatura Galegas do IES Esparís, ó alumnado do CEIP Pedrouzos, o día 15 de Maio. Na mesma xornada na que o grupo Mamá Cabra visitou o centro para mostrar ós cativos e cativas de Infantil e primeiro ciclo de Primaria o seu divertido espectáculo musical-participativo.
Cargados cunha mestura de instrumentos tradicionais e modernos, Gloria, Tomi, Rodrigo, Pablo e Paco, tocaron cancións dos seus catro discos. Poemas musicados e actuados, basados en sons folk con tintes roqueiros, que fixeron desfrutar a nenos e profesores. O seu público agradeceullo participando en cada unha das pezas e aplaudindo a rabiar ó final da actuación.
Se queres saber máis sobre Mamá Cabra podes visita-la súa páxina web premendo no seguinte enlace:
http://www.mamacabra.com/