A xornada do 17 de Maio tomou o protagonismo das actividades do CEIP Pedrouzos durante todo o mes, copando actividades e focalizando iniciativas, tanto a nivel de aula coma de todo o centro. Ademais das propostas teatrais e musicais do Concello, a propia escola levou a cabo diferentes para homenaxear a María mariño, escritora a quen se lle adicou o Día das Letras Galegas deste ano 2007.
Debuxos poemados ou poemas debuxados, retratos e ata un cadáver exquisito decoraron a parede do pasillo principal do centro, enchéndoa de letras e cores, de imaxinación e creatividade. Non faltou un curso por estar representado, incluso os máis cativos do centro, os alumnos e alumnas de Infantil, participaron nesta exposición cos seus debuxos e rimas.
"Chámome Laura e como con Paula" podíase ler nun cartel. Noutro, "O caracol arrastra e a caracola quieta". Nos demais, verbas de Manuel María, de Álvaro Cunqueiro ou da propia Maria Mariño, compartían espazo con debuxos representativos. A natureza, os sentimentos ou Rosalía de Castro, serviron para recordar a estudiantes, profesores e visitantes, a relevancia da nosa literatura e a importancia de coidala e aprender dela.