“Viaxar é aprender”. Esta máxima é ben coñecida por todos aqueles que fan da educación a súa labor. Excursións, saídas ou paseos forman parte, polo tanto, do currículum de cada materia, aparecendo na axenda curso tras curso, sendo marcadas coma datas ineludibles, ó mesmo tempo que necesarias. Tódalas viaxes organizadas teñen un fin didáctico, se ben se procura non descoidar o aspecto lúdico que, ó fin e ó cabo, é o que realmente interesa ós verdadeiros protagonistas: ós alumnos e alumnas.
Durante os case catro anos que InfoBrión leva cubrindo a información do CEIP Pedrouzos, foron moitas as ocasións en que acompañamos ós cativos e cativas do centro ás súas saídas educativas; saídas que, case sempre, nos descubriron novos lugares e das que aprendimos novas leccións. Estas excursións tamén nos amosaron que non é necesario ir moi lonxe para vivir experiencias diferentes. A Coruña, Vigo, ou mesmo, Santiago e Brión, foron algúns dos destinos visitados polos estudiantes e os seus mestres.
A proximidade dunha cidade histórica coma Compostela fai máis sinxela a toma de decisións en canto o lugar ó que ir e as actividades que realizar. A capital galega ofrece moitas posibilidades para os visitantes, incluso para aqueles que cren coñecer tódolos seus recunchos. O programa cultural, no que se inclúen exposicións, representacións teatrais ou concertos musicais, ofrecen a oportunidade perfecta de desfrutar dunha xornada diferente para os alumnos e alumnas de tódolos niveis educativos. Mentres que iniciativas do Departamento de Educación e Mocidade de Santiago tamén permiten ve-la cidade dende unha óptica diferente á habitual. Este foi o caso da visita á Compostela medieval no curso 2006- 2007. Os cativos e cativas do CEIP Pedrouzos, da man das monitoras do Concello, coñeceron de xeito teórico e práctico, a evolución de Santiago a través dos seus máis de mil anos de historia. Un percorrido que os levou dende a Alameda ata a Catedral, coma se dun tunel do tempo se tratara.
Outro punto de vista dende o cal o alumnado do centro observou Compostela foi aquel do que só as aves e uns cantos privilexiados poden facelo... Dende a perspectiva ofrecida polas cubertas da Catedral. Ata alí subiron en varias ocasións os estudiantes do colexio de Brión, quen tiveron a oportunidade de aprender a peculiar historia deste excepcional mirador e a da urbe que se foi extendendo ós seus pés.
Unha das excursións máis esperadas polo alumnado do CEIP Pedrouzos, é a visita anual ós museos didácticos da Coruña. Curso tras curso, os estudiantes desfrutan dun completo programa que inclúe os tres centros pedagóxicos máis importantes da cidade herculina: A Casa das Ciencias; a Casa do Home "Domus", e o Aquarium Finisterrae. Se no primeiro deles, a Casa das Ciencias, os rapaces e rapazas aprenden a comprender disciplinas, en principio, tan complicadas como a física ou a astronomía, dun xeito lúdico e divertido; este mesmo xeito é o empregado na Domus para facer unha aproximación ó ser humano. A través de módulos interactivos, os pequenos e pequenas coñecen o funcionamento do seu corpo e o porque da súa natureza. E da visión “introspectiva” ó coñecemento do mundo que lles rodea, á realidade do mundo mariño. O Aquarium Finisterrae, é sempre unha fonte de sorpresas e, probablemente, o lugar preferido pola maioría dos estudiantes.
Outro centro de estudio do mundo mariño foi visitado polos alumnos e alumnas do CEIP Pedrouzos. Neste caso foi o Acquariumgalicia, ubicado no Grove, e que sería unha das dúas paradas principais da viaxe de fin de curso de 2004- 2005. Neste espazo interactivo os pequenos e pequenas poideron observar ós máis de quince mil animais que se repartían nos vinte acuarios do museo. A segunda parada principal foi no Vigozoo, unha visita que quedou ben gravada na memoria de todos e todas polo chamativo da súa proposta. Estar tan preto de leóns, monos ou tigres, é sempre unha experiencia difícil de esquencer.
E da natureza exótica, á natureza autóctona. As Fragas do Eume foron o destino elexido pola dirección do Centro de Infantil e Primaria para celebra-la última excursión do curso 2005- 2006. A visita a este parque natural levou ós alumnos e alumnas por unha das moitas rutas de sendeirismo que ofrece a zona, permitíndolles bordear, en todo momento, o fermoso río Eume, e coñecer de preto, e gracias á axuda dun guía, o particular hábitat da zona. Tras unha camiñata que durou case tres horas, e posteriormente ó merecido descanso, os rapaces e rapazas coñeceron un dos xardíns máis peculiares de Galicia, o Parque do Pasatempo de Betanzos.
Tantos destinos, tantas cousas aprendidas, tantas experiencias vividas... Tantas leccións que esperemos que non se olviden e que teñan plantada a semente da curiosidade en todos e cada un dos participantes.