Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
Separador
Novas rutas de sendeirismo do Concello de Brión
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

O Concello de Brión convoca dúas novas rutas de sendeirismo para o mes de maio

Infobrion.com

O Concello de Brión ven de presentar novas rutas de sendeirismo para o mes de maio. Dúas xornadas de lecer e deporte na natureza que van celebrarse os días 1 e 17 do vindeiro mes.

Ruta Muxía-Monte Facho

O martes 1 de maio é a data prevista de celebración desta primeira camiñada, que transcorrerá entre a localidade de Muxía e o Monte Facho. Unha andaina duns 17 km de distancia e dificultade baixa cunhas espectaculares vistas da impresionante paisaxe deste tramo da costa coruñesa.

A saída do autocar está prevista para ás 8:30 h. dende a Carballeira de Santa Minia. A inscrición na actividade poderá realizarse ata as 14:00 h. do venres 27 de abril.

Senda da Fraga do Río Barragán

O xoves 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, celebrarase a segunda das rutas de sendeirismo propostas. Neste caso o lugar escollido é a senda que transcorre a través da fraga do Barragán, na localidade pontevedresa de Pazos de Borbén.

Pegado ao curso do Río Barragán, o sendeiro atravesa durante 18 km un bosque de vexetación autóctona de enorme beleza, onde se atopan recursos etnográficos de gran valor como antigos muíños, pontes ou levadas (canles que conducían a auga aos muíños). Incluso se poden ver restos arqueolóxicos, como o asentamento coñecido como A Cidade, que lle outorgan a este sendeiro un gran valor turístico, convertendo a marcha nunha experiencia inesquecible.

A inscrición para realizar esta ruta, considerada de dificultade baixa, permanecerá aberta ata as 14:00 h. do martes 15 de maio. O autocar agardará polos participantes ata as 8:30 h. na Carballeira de Santa Minia.

O custo de cada unha das actividade é de 8 euros por participante. A inscrición pode tramitarse na Casa da Cultura de Brión, Tfno. 981 50 99 08. Convocáronse 52 prazas por actividade, que se reservarán por rigorosa orde de inscrición. Lembrar que para confirmar a praza será necesario entregar a folla de taxas correctamente cuberta e asinada. Non se admiten pagamentos conxuntos.

Para rematar, só recordar que as persoas interesadas en participar deberán acudir ás actividades provistas de roupa e calzado axeitados; sen esquecer, tampouco, levar comida tipo pícnic para xantar.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela