Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
Separador
IV Festival Monecadas
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

A maxia dos monicreques regresa a Brión co IV Festival Monecadas

Infobrion.com

Os monicreques regresan en setembro á Carballeira de Santa Minia da man do IV Festival Monecadas, unha actividade que se celabrará os días 15, 16 e 17 de setembro, organizada por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión. A programación deste evento lúdico, que ten o teatro de monifates como protagonista, traeranos unha función por día que se representará ao aire libre.

O festival comeza o venres 15 ás 18:00 h. cun obradoiro de monicreques a cargo de A Xanela do Maxín. De seguido, ás 19:30 h., Mircromina Teatro de Títeres presentará "Vacacións no mar", un espectáculo de monifates de luva, no que se conxuga o tradicional estilo da cachaporra cuns caracteres e situacións renovados para o público de hoxe en día. A Marina encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día, Moncho chega a porto no seu veleiro "Ovos con patacas"... pero nun descoido o pirata "Ollo Virollo" toma prestada a nave e bótase ao mar.

O sábado 16 de setembro, ás 13:00 h., A Xanela do Maxín representará "A Caixa de Nuk", unha apaixonante historia chea de maxia, tenrura e amor que nos transportará ao mundo da natureza e dos seres elementais como trasgos, fadas e dragóns. Nesta obra, un trasgo chamado Nuk é enganado por unha malvada serpe que quere facerse coa caixa que pode cambiar o futuro dos trasgos e toda a humanidade. O noso protagonista, cego de amor, sucumbe aos enganos da serpe e veremos como non sempre son quen esperamos os que poden dar un xiro ás historias máis incribles.

Para rematar, o domingo 17 de setembro, ás 13:00 h., Títeres Alakrán representarán a función "Circo galaico", un espectáculo de variedades conducido por un presentador que será o mestre de cerimonias de clásicos e insólitos números de circo. Un circo único onde a maxia e o fantástico se mestura co autóctono, onde os acróbatas e malabaristas serán animais da fauna galega coma o xabaril, o lobo ou a pita do monte.

Todas as representacións celebraranse na Carballeira de Santa Minia, con entrada libre para nenos e adultos, novos e vellos, altos e baixos. Porque para asistir, so é necesario querer pasar un entretido serán cheo de diversión a esgalla para toda a familia. Non faltedes!

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela