Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
Separador
Manuel Ayaso presenta Añoranza de Aguiño
O artista plástico Manuel Ayaso (á dereita da im... [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

Manuel Ayaso presenta en Brión a exposición Añoranza de Aguiño

Infobrion.com

O artista plástico ribeirense Manuel Ayaso inaugurou na Sala de Exposicións Municipal de Brión a mostra "Añoranza de Aguiño", unha retrospectiva da obra realizada por este recoñecido pintor entre os anos 2000 e 2010.

O acto, que se celebrou o venres 7 de abril ás 20:30 h., serve de punto de partida dunha exposición que permanecerá aberta ao público ata o 5 de maio. Unha oportunidade única para coñecer de primeira man a obra dun veterano artista que atesoura unha longa carreira profesional chea de éxitos e recoñecemento internacional.

Manuel Ayaso é un dos artistas plásticos galegos con maior traxectoria creativa e proxección máis alá das nosas fronteiras. Nado en Aguiño (Ribeira) en 1934, viviu dende a infancia nos Estados Unidos, lugar onde desenvolveu a maior parte da súa longa e frutífera carreira artística. Unha circunstancia que non lle impediu conservar unha forte ligazón sentimental con Galicia que aparece reflectida na maior parte da súa obra. A particular técnica artística e a orixinal iconográfica que caracterizan a Ayaso converten os seus cadros en algo único, situándoo na elite da creación artística galega contemporánea.

Para esta inauguración, Manuel Ayaso acudiu acompañado doutro ribeirán ilustre, o dramaturgo Quico Cadaval, que fixo unha memorable introdución sobre o seu veciño e amigo. Antes, o alcalde de Brión, José Luís García García, agradeceu ao artista ter escollido a recen remodelada Sala de Exposicións Municipal para presentar esta mostra, todo un agasallo do artista cara á veciñanza dun concello dende sempre comprometido coa arte e a cultura. "Sei que nestes tempos de crise non está ben visto investir en cultura, pero todos sabedes que en Brión somos xente distinta e pensamos que canto maior acceso teña a nosa veciñanza á cultura, mellor será para todos", comentou o rexedor brionés durante a súa intervención.

Entre o numeroso público asistente, composto na súa maioría por veciños de Brión e amigos do pintor, destacou a presenza de diversos persoeiros do mundo da arte e a cultura. Artistas como Rafael Úbeda, Chelo Rodríguez, Juan Moreno, Mª Xesús Díaz, Paco Casal, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vizoso e X. Vázquez Castro acudiron ao acto. Non faltaron tampouco destacadas figuras das artes escénicas como Marcelino de Santiago "Kukas" e o actor Víctor Mosquera. O recoñecido escritor e teólogo Andrés Torres Queiruga ou o profesor e editor X. Amancio Liñares Giraut acudiron tamén a esta presentación.

Con esta exposición, Ayaso retoma unha relación artística con Brión que ven de atrás. Concretamente da súa participación nos Encontros coa Arte dos anos 2007 e 2008. Sen esquecer tampouco as exposicións colectivas nas que participou con posterioridade, nunha delas man a man co pintor noiés Alfonso Costa.

A mostra "Añoranza de Aguiño" poderá visitarse na Sala de Exposicións Municipal de Brión, situada na planta baixa da Casa da Cultura, ata o vindeiro 5 de maio en horario de 9:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. A entrada é libre.

Ligazón coa galería de imaxes do evento

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela