Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
Separador
Presentación de Expreso e outros poemas da via de Xulio Cid Neira
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

Xulio Cid Neira presenta en Brión o seu último libro de poesía

Infobrion.com

A Sala Municipal de Exposicións acolleu o venres 17 de marzo a presentación do último libro do autor ourensán Xulio Cid Neira, publicado en 2016 polo selo editorial Círculo Rojo. Un acto que conmemorou por anticipado o Día Mundial da Poesía, unha efeméride que a proposta da UNESCO se celebra cada 21 de marzo.

Baixo o evocador título de "Expreso e outros poemas da vía", Xulio guíanos a través dos seus versos polas vías ferroviarias que conducen a Ourense-Empalme, "a estación perdida onde unha vez a viaxe comezou". Un traxecto de ida e volta aos recordos de nenez e mocidade dun autor que medrou no barrio auriense de o Pino, aos pés da liña ferroviaria.

O rexedor brionés, José Luís García, foi o encargado de abrir o acto. O alcalde agradeceu a Xulio a súa iniciativa e destacou o compromiso do goberno municipal coa cultura; unha aposta que nesa mesma xornada se traduciu nunha actividade de dinamización na biblioteca, unha presentación bibliográfica e un concerto da Escola Municipal de Música.

O poeta estivo acompañado polo profesor Xesús María Sambade, que complementou o discurso de Xulio con varias intervencións ao longo do acto. Numerosas imaxes e pequenos fragmentos musicais enriqueceron unha presentación evocadora, amena e didáctica; cargada de referencias á arqueoloxía e á historia, á literatura e ás artes, sempre co ferrocarril coma fío condutor.

Ao remate do evento, o autor dedicou exemplares asinados do seu libro a todos os asistentes que llo solicitaron. Un deles, cortesía de Xulio Cid Neira, xa está dispoñible no fondo bibliográfico da biblioteca pública municipal que xunto coa Casa da Cultura do Concello de Brión organizaron esta presentación.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela