Infobrion Correo Electrónico

Os Reis Magos visitaron Brión

Casa da Cultura. Concello de Brión

Como cada 5 de xaneiro as SS.MM. os Reis Magos de Oriente chegaron a Brión para coñecer en persoa a todos os nenos e nenas do concello. Dende o adro da igrexa parroquial de Os Ánxeles Melchor, Gaspar e Baltasar recorreron a cabalo a distancia que separa este lugar do pavillón polideportivo municipal, onde os agardaban para darlle a benvida as autoridades locais así como numerosos veciños.

Arredor das cinco da tarde, a comitiva real saíu dende o adro da igrexa de Os Ánxeles cara o pavillón polideportivo municipal. Ao longo do camiño, numerosos veciños achegáronse ata as beirarrúas para saudar as SS.MM os Reis Magos de Oriente. Dada a solemnidade do desfile, os tres monarcas foron acompañados pola Banda de Música de Brión e un grupo de soldados romanos que escoltaron en todo momento a cabalgada real.

Mentres, no pavillón polideportivo agardaban representantes do goberno local e numerosos veciños e veciñas que con gran ilusión recibiron a Melchor, Gaspar e Baltasar que, nada máis entrar, acudiron ata a recreación vivente do Portal de Belén para facer a adoración e entrega de presentes ao Meniño Xesús.

Cando os Reis Magos ocuparon o lugar de honra reservado, unha tarima especialmente construída para a ocasión onde os esperaban cadanseu trono, o Alcalde de Brión, Xosé Luís García García deulles a benvida en nome de todos os veciños do concello. Ao discurso respostou a SS.MM. o Rei Melchor, que, con gran solemnidade, acudiu ao estrado para agradecer a grata acollida recibida.

A continuación, a Banda de Música de Brión executou unhas pezas musicais en honor de tan ilustres visitantes, momento antes de que as SS.MM. de Oriente recibiran persoalmente a todos os nenos e nenas que ata eles se achegaron. Como en anos anteriores, confirmaron o bo que foron todos e todas ao longo do ano, ao tempo que recibiron peticións de agasallos de última hora e repartiron presentes entre os nenos asistentes.

Quen se achegou ata o pavillón municipal puido gozar dunha festa en toda regra, con música, baile e ata chocolate quente para escorrentar o frío do inverno. Non faltou o tradicional Nacemento, magnifica recreación do Portal de Belén, nin os paisanos e artesáns mostrando en vivo o seu oficio.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela