Todas as persoas que aman a escena puideron achegarse a gozar do mellor teatro non profesional en Brión: ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro desenvolvéronse dous Ciclos de Teatro Afeccionado, “Carballeira” e "Pedra do Moucho”, organizados polas Asociacións Carballeira de Bastavales e Pedra do Moucho de Ons e que contaron coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Brión, a Federación Galega de Teatro Afeccionado e a Dirección Xeral de Creación de Difusión Cultural da Xunta de Galicia.
Brión converteuse na capital galega do teatro afeccionado da man dous Ciclos de Teatro Afeccionado: oito grupos galegos pasaron polas táboas do Centro Social Polivalente e do Teleclube de Ons, durante os sábados de outubro, novembro e decembro.
“ O Achado do Castro” de Núñez Singala, inaugurou o programa do I Ciclo de Teatro Afeccionado “Pedra do Moucho” o sábado 25 de outubro, interpretada polo elenco da Asociación Cultural Marañao de Ourense e neste mesmo ciclo actuaron o Grupo de Teatro Fontevella do Porriño, o día 29 de novembro coa obra “Para que viría eu o médico…” e o Grupo de Teatro O Bordelo de Cervo que puxo o peche a este Ciclo o 27 de decembro coa obra “O Mariñan”. En total uns 250 espectadores asistiron a estas representacións.
O Ciclo de Teatro Afeccionado “Carballeira”, inaugurouse o 8 de novembro cun dous grupos máis antigos do panorama teatral galego, O Teatro de Cámara Ditea de Santiago, que puxo en escena a obra “Aquí cheira a morto” , e continuou co grupo de Teatro Aurín de Moaña coa obra “Comedía Bífida” de Nuñez Singala o 15 de novembro, e o 22 de novembro desde Vigo O Grupo Atrezo Teatro coa súa obra “Bágoas de Noitébrega”. No mes de decembro, dentro deste mesmo ciclo tivemos a Asociación de Mulleres de Moaña coa obra “A Casa de Bernarda Alba” e o Grupo Lohengrín de Vigo coa obra “La Perle de la Sorti”. En total mais de 400 espectadores.
Tanto Carballeira como Pedra do Moucho pretenden reforzar a presenza do teatro afeccionado dentro do ámbito cultural galego, que conta con escasos espazos nos que manifestarse e que constitúe un importante elemento de dinamización cultural. Esperamos que estes dous Ciclos continúen asentándose como referente dentro do panorama teatral afeccionado galego, e, ao mesmo tempo, sexan unha alternativa de ocio para os veciños e veciñas da comarca.