Infobrion Correo Electrónico

InfoBrión entrevista a Mario Morales, o popular conserxe do Pavillón Municipal

InfoBrión

Coñecido e querido en Brión pola súa inesgotable paciencia como conserxe do Pavillón Municipal, Mario declárase moi feliz de ter elexido este Concello para vivir. O seu percorrido troúxoo do seu Tenerife natal ata Guitiande, pasando antes por Venezuela, onde fixo unha longa escala de 32 anos. A súa vida é coma a de calquera emigrante lonxe do seu fogar, unha historia chea de experiencias e nostalxia, que nos axudan a comprender e que sempre nos ensinan cousas novas. Mario Morales González naceu nun pobo ó Sur de Tenerife, moi preto do Acantilado dos Xigantes, alá polo ano 1955. Pronto tivo que deixa-las súas orixes a prol dun futuro máis estable. Contaba con pouco máis de tres anos cando emigrou, xunto ós seus pais e á súa única irmá, a Venezuela. Unha estancia que duraría trintadous anos, toda unha vida. Non sería ata o ano 1991 cando Mario volvería pisar chan español. Pero o seu destino non foi Tenerife, senón Guitiande, a aldea dos seus sogros. Ser feliz en Galicia non impide que Mario fale con certa nostalxia de Venezuela, máis exactamente da súa capital Caracas, e sobre todo da Caracas dunha época precisa, da previa á crise económica e política. Máis de trinta anos dan para moitas vivencias e moitas historias. Tanto é o que recorda, que incluso ten frescos na memoria os sete días de duración da travesía que une o Porto de Santa Cruz de Tenerife con Venezuela.

Da súa infancia en Caracas, Mario evoca con especial agarimo a súa época de estudiante nos xesuitas. Aquela foi unha etapa feliz e tranquila, como a realidade do país naquel momento. O seu colexio era de carácter mixto e estaba moi preto da casa, a dúas "cuadras" máis ou menos. Alí xogaba ó baseball, considerado deporte nacional, e ó fútbol, unha afección que aínda perdura. A súa mocidade foi como a de calquer outro rapaz venezolano, entre o estudio, a praia, o deporte e as festas. Unhas festas moi diferentes ás galegas, xa que se celebraban en locais privados baixo pago e sempre de etiqueta.

Mario decidiu deixa-los estudios antes de rematar 5º ano de Bachiller e con 16 anos comezou a traballar nunha fábrica de ascensores, da que posteriormente e dedibo á crise na que entrou o país, foi despedido. Inmediatamente foi contratado na multinacional de ascensores OTIS, onde se adicaba ás ventas. Alí continuou, chegando a facerse cargo de dúas oficiñas, ata que veu para Galicia.

Unha década antes da súa chegada a Brión coñeceu a María de los Ángeles, venezolana de nacemento, pero galega de ascendencia, quen foi a "culpable" de que recalaran posteriormente en Galicia. En 1979 contraxeron matrimonio e en 1991 viñeron para aquí coas súas dúas fillas. A principal razón que os impulsou a vir foi que consideraron que era o momento adecuado para as nenas, xa que despois sería moi tarde para que se adaptaran. A ísto se lle sumou a crise que estaba a pasar Venezuela en tódolos aspectos. Os primeiros en chegar foron Mario coa súa muller e as súas fillas, despois chegaron os seus sogros e posteriormente traería á súa nai.

A chegada a Brión supuxo un "cambio drástico" no estilo de vida. Un cambio "para mellor", segundo as súas verbas. A tranquilidade, a xente, a vida en xeral... Todo contribuíu a que Mario se sentira feliz da súa decisión. Ata a lingua e a gastronomía, que xa coñecía pola Sociedade Galega de Caracas e polos seus sogros, colaboraron na súa integración. Pero non todo foi sinxelo. O inicio, coma case tódolos inicios, fíxose duro, debido sobre todo, ás dificultades coas que se topou para conseguir traballo. Despois de case un ano buscando e tras varios intentos fallidos, Mario atopou unha labor coa que desfruta, a de conserxe do Polideportivo Municipal de Brión.

Son máis de dez anos os que Mario leva traballando no pavillón. Unha década na que lle deu tempo a facerse amigo de moita xente, a ver crecer a moitos dos nenos que xogaban no estadio e sobre todo a facerse querer pola súa simpatía e paciencia. Mario é feliz e iso se lle nota cando fala, sobre todo cando menciona o nacemento do seu primeiro neto que é "o que o ten tolo". Ademais do pequeno, a lectura, os coches, os 600 principalmente, e o fútbol son as afeccións que ocupan o seu tempo libre. Sobre se voltar algún día ó seu primeiro país de acollida, Mario responde con mágoa "algún día, pero aínda non...Non estou preparado para ver como está Venezuela actualmente".

InfoBrión quere agradecerlle a Mario o seu tempo e simpatía.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela