Infobrion Correo Electrónico

Felicidad Vázquez Pais

Yolanda García. GIS-T IDEGA. USC.

Esta veciña, coñecida por todos como a cociñeira da Casa Filiberto, naceu en Brión un sete de decembro de mil novecentos vintenove. Felicidad Vázquez País, muller de carácter afable e xovial, dedicou gran parte da súa vida á hostelería.

Esta muller que de pequena a levarían a vivir a Santiago onde estivo ata os trece anos asistiu á escola e cóntanos que nos tempos da guerra os avós non a deixaban acercarse ó balcón cando pasaban os soldados polas rúas. Aproveitando os días que pasaba no concello polas festas de Santa Minia comezou a ter contacto cun rapaz que o pouco tempo sería o seu marido. Xa de nena gustáballe moito xogar á corda e falar coas amigas, pero sobre todo poder ir bailar cando viñan as orquestras a tocar polas festas.

Casou de moza e foise a vivir a casa dos seus sogros, é cando empeza a ter os seus primeiros contactos coa cociña, e deixa atrás os coñecementos de modista que ela tivera formándose para exercer como tal. O seu compañeiro de cociña foi o seu sogro que xa como emigrante en Cuba exercera como cociñeiro. Era un home receloso de amosa-los seus coñecementos de cociña, pero gracias ó esforzo e ilusión Felicidad foi aprendendo a súa labor que a levaría a ser coñecida por moitos como a cociñeira da Casa Filiberto.

Cóntanos que a Casa Filiberto, nos tempos que eles estiveran vivindo como inquilinos, coñecíase como a Casa de Barca, pero, ó pouco tempo collerían o traspaso por unha cantidade próxima ás 18.000 pesetas, e dende entón pasou a coñecerse por Casa Filiberto.

Entre os pratos máis codiciados figuraban os callos que se servían en banquetes chegando a cociñarse ata 200 racións. O doce máis afamado era o brazo de xitano. Os convidados foron moitos, pero destaca a visita de Adolfo Suárez que por entón era presidente da UCD. Felicidad e o seu marido eran simpatizantes de Suárez e isto era coñecido por todos, ata o punto de que a cociña da Casa Filiberto estaba decorada por fotografías do presidente. Recorda con moito agarimo o acontecido.

Esta muller, que xa leva 17 anos sen cociñar na Casa Filiberto, hoxe en día bota en falla o seu traballo.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela