Infobrion Correo Electrónico

José Caramés fai un repaso do seu máis de medio século de vida en Brión

GIS-T Idega

Aínda que os seus pais eran de Trasmonte (Ames), José Caramés é un brionés de pro. Este coñecido veciño naceu en Brión no ano 1949 e aínda se mantén fiel ó concello, onde transcorre o seu día a día. Dono da única ferretería de Pedrouzos, José recoñece que o único que non perdoa é o "vasiño" da unha e media e a partida dos Sábados cos seus amigos. Hábitos que de non ter sido pola casualidade probablemente estaría a cultivar noutro Concello. Unha casualidade que fixo que o seu pai, José Caramés Nimo, ferreiro de profesión, adquirira no momento indicado o taller de forxa que o seu anterior propietario traspasaba. Este obradoiro atopábase en Brión, lugar onde José pai se mudou coa súa muller e onde nacerían os seus dous fillos.

Dende os cinco aos dez anos, Pepiño, como era coñecido de cativo, acudía diariamente á Escola Unitaria de Pedrouzos. O centro, ubicado onde se atopa o actual Cuartel da Garda Civil, acollía a máis de setenta nenos e nenas cos que tiña que bregar un só mestre. Deste, Jose recorda que era extremeño de orixe e que tódolos estudiantes tiñan a obriga de agasallalo con pan ou broa. Moi presente aínda na súa memoria está tamén a chegada da "axuda americana", ese "Plan Marshall" que se traduciu en Galicia en racións diarias de leite en pó, manteiga e queixo salgado.

O Brión daquela época pouco tiña que ver co actual. Esta era unha zona moi rural, na que os centros de traballo eran escasos. O aserradoiro ou a canteira, xunto á fábrica de Portanxil e o taller de forxa, eran algunhas das poucas saídas profesionais. Lonxe queda aquel tempo, no que na aldea de Pedrouzos se podían contar ata duascentas cabezas de gando, ou no que tódolos veciños colaboraron no acondicionamento dun campo de fútbol.

Con dez anos foi a estudiar ó Colexio La Salle de Compostela, onde quedou ata remata-lo Bacharelato. Alí tivo a oportunidade de xogar ó fútbol, un deporte difícil de practicar en Brión pola escasez de medios. Algo que non impedía que, como calquera cativo, o tempo que máis desfrutara Jose fora o dos xogos cos amigos. Ós pasatempos típicos da zona, coma o trompo polo San Martiño ou a estornela, uníanselles os "importados", como as canicas ou o "gua". Xogos exteriores que compartían tempo de ocio coas sesións de cine dos Domingos.

De feito, o séptimo arte estivo moi presente durante a mocidade de José, xa que o seu pai foi un dos tres socios fundadores do "Cine Amaía". Daquel tempo lle quedan moitos recordos e anécdotas, dende as sete pesetas que custaba a entrada ata as sesións continuas que podían durar ata as cinco da mañá. O cartel de "non hai entradas" colgábase, sobre todo, nas datas máis sinaladas do ano como Nadal ou Santa Minia, cando a xente acudía ás "misas do galo" e aproveitaban para durmir nas butacas á espera da hora de ir á igrexa.

Cando José debeu elexi-lo seu futuro decantouse por estudiar Naútica, para o que marchou á Coruña. Durante esta época, e tras varias prórrogas, tocoulle o turno de incorporarse á mili, un período que non destacou nin polos bós, nin polos malos momentos. O ano e medio de servizo fíxoo a cabalo entre a Comandancia Marítima da Coruña e Ferrol, algo que lle deu a posibilidade de continuar cos seus estudios.

Da Coruña voltou a Brión, onde José decidiu monta-la ferretería na que aínda continúa a traballar. Tamén aquí seguiu os pasos do seu pai na política, quen foi Alcalde de Brión dende o ano 1955 ata o 1971. Presentouse á alcaldía nas primeiras eleccións democráticas de 1977, e aínda que formou parte do Concello, ou xustamente por este motivo, deuse de conta de que non lle gustaba, polo que abandonou o seu cargo antes de remata-la lexislatura.

Actualmente a súa vida transcorre tranquila no Concello. Aquí vive coa súa dona Mari Carmen e os seus dous fillos. Traballando no seu negocio e disfrutando da compaña dos seus amigos de toda a vida, cos que continúa a xoga-la partida os Sábados e os Domingos. A José gústalle Brión tal como está, aínda que recoñece que non lle importaría que houbera máis xente, para darlle máis vida á zona.

InfoBrión quere agradecerlle a José Caramés o ter compartido os seus recordos con nós, ademais de ternos mostrado a súa amabilidade e simpatía.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela