| 02/10/2006 | O refrán de Mario Morales |
|---|---|
| 18/09/2006 | O refrán de Concepción Puentes |
| 06/09/2006 | O refrán de Domingo Guzmán "O Ruso" |
| 18/07/2005 | Os refráns de Evangelina Barbazan |
| 25/05/2005 | Os refráns de María Angueira |
| 30/12/2004 | O refrán de Victoria Hermo |
| 21/10/2004 | O refrán de Carmen Pérez Martínez |
| 01/10/2004 | Os refráns de Dorinda Beis Lemos |
| 28/09/2004 | O refrán de Lola Cortés |
| 16/07/2004 | Os refráns de Josefa Guzmán |
| <Ant | 1 2 | Seg> |
A recuperación e promoción da cultura popular a través da sociedade da información é un dos obxectivos principais marcados por InfoBrion.com dende o seu inicio. Dende hai máis de tres anos, o equipo do GIS-T Idega ven recollendo testimonios, vivencias e anécdotas dos habitantes de Brión, poñendo principal énfase na recopilación de receitas típicas, remedios caseiros e refráns populares. Exemplos, todos estes, da riqueza cultural e vital dunha sociedade que non debemos deixar perder.
Moitos foron os veciños e veciñas que puxeron o seu graniño de area na sección de Cultura popular, axudándonos a reter na memoria virtual estes exemplos de sabedoría tradicional, reforzando a comprensión da nosa cultura e historia, convertíndoa de pasado a presente, e de presente a futuro. A eles e elas, ademais de ós nosos usuarios e usuarias habituais, vai adicada esta recopilación de refráns e citas populares.
Consellos sobre o comportamento humano, advertencias climáticas ou apuntes sobre a vida cotiá, son só algúns dos temas tratados polos refráns tradicionais. Baseados na experiencia e na observación, podemos sacar máis dunha conclusión dos hábitos dos nosos ancestros. Mentres algunhas tradicións continúan, como a sinalada por Concepción Puentes, María Angueira e Dorinda Beis, quen nos dicían que "En San Xoán a sardiña molla o pan"; outras, como Carmen Pérez, aseguraba que "En San Martiño, trompos ó camiño", recordando a tradición de xogar ó trompo cada 11 de Novembro.
As referencias á meteoroloxía son continuos nas citas populares. Estas nos levan a tempos nos que o frío e a choiva formaban parte constante do noso clima, un momento no que o termo "cambio climático" non se acuñara e no que os seus efectos aínda non comezaran a cambiar o noso entorno. Minia, Dorinda, Victoria e Vicente retratan a través das súas frases como debían se-los meses de primavera e verán noutro tempo. Comezando "Por Abril augas mil" e "En Maio aínda a vella queima o tallo", Xuño tamén é protagonista xa que segundo eles, "A choiva en San Xoán tolle o viño e non da pan". Tampouco o mes de Agosto prometía temperaturas moi elevadas xa que, como menciona Concepción Noya, "En Agosto frío no rostro". O fin do verán, e con tal, o fin do período máis fértil ven marcado pola festividade de San Martiño. Segundo Vicente Gómez "Ata o San Martiño pan e viño, e despois do San Martiño fame e frío", un período que pasará o 3 de Febreiro xa que "Por San Blas la cigüeña verás", síntoma de que as temperaturas invernais comezan a suavizarse.
A conducta humana tamén é centro de especulacións e consellos do refraneiro. Mentres que Domingo Guzmán nos advertía de que cada un ten que coidar do seu coa frase "Ninguén lle tira do rabo á besta como o seu dono"; Evangelina Barbazán recordaba que "A que de nova come a galiña de vella come a sardiña", aconsellándonos que vaiamos pasiño a pasiño durante toda a nosa vida. Mario Morales botaba man dun refrán que di seguir el mesmo "Fai o ben e non mires a quen"; e Josefa Guzmán enriquecía o noso refraneiro cunha longa lista de frases útiles para o noso día a día. Dende o clásico "Non por moito madrugar amence máis temperán", pasando polo acertado "Nunca chove ó gusto de todos" ata chegar a un consello a ter en conta "Non pidas a quen pediu, nin sirvas a quen serviu".
Tamén Minia, Lola e Carmen se suman as recomendacións. Refráns que nos recordan remedios, pero tamén cousas a evitar. "A herbiña da malvela nin cocela, nin pisala, nin andar por enriba dela", dicía Lola Cortés; mentres Minia e Carmen Suárez nos recomendaban a ruda como medicamento alternativo xa que, segundo elas, "A ruda tódolos males cura".
Para rematar, só recordar outra útil frase popular: "Cada refrán ten o seu contra-refrán".