De éxito sen precedentes se pode cualificar a primeira marcha pedestre da tempada organizada polo Concello o pasado sábado 24 de marzo. Arredor de 200 persoas procedentes de Brión, Ames, Negreira ou Noia, estrearon unha nova rota de sendeirismo que transita entre as parroquias de Ons e Viceso , na zona alta do concello.
Trátase da Ruta do Tambre, unha denominación que obedece a que gran parte do sendeiro marcado transcorre á beira deste río. O percorrido foi sinalizado o pasado inverno por un grupo de veciños da parroquia de Ons, que fixeron un excelente traballo do que agora goza toda a cidadanía.
Dende a área de piragüismo de Ponte Insúa, lugar escollido para iniciar a marcha, o grupo de afeccionados ao sendeirismo percorreu aproximadamente uns 14 km ata chegar ao seu destino, atravesando lugares de gran valor natural e beleza paisaxística.