Javier Tobío cóntanos como desenvolve a súa actividade profesional. Oficio que herdou dunha longa tradición familiar de cereiros que se remonta a máis de tres xeracións anteriores. O seu taller está situado á beira da súa casa, na aldea de Casuxa (San Xulián de Bastavales). Na visita que Infobrión realizou ó taller de Javier Tobío o pasado 27 de abril puidemos comprobar en que consiste o traballo de “cereiro”. Acompañando a Javier estaban a súa nai (María Gómez) e a súa muller Marisa Pena, mulleres que tamén colaboran no traballo. María Gómez agora xa non se dedica a este oficio, pero en tempos pasados foron moitos os días que pasou traballando no obradoiro de cera, onde se elaboraron miles de velas e velóns. Este tradicional oficio herdouno Javier dos seus pais, os cales á súa vez xa o herdaran doutros antepasados, o que demostra a longa tradición familiar do oficio de cereiros. De aí que a casa na que habitan e teñen o taller sexa coñecida como a dos “Cereiros”.
Javier Tobío é o único dos seus irmáns que se dedica a esta actividade, na cal traballaron varios dos seus antepasados e que agora el defende nos tempos actuais, onde o mercado das velas é moi competitivo e a demanda cada vez é menor.
Trátase dun traballo que esixe moitas horas de dedicación e paciencia, pois débese traballa-la cera con moito coidado e precaución.
Actualmente xa non fabrican con cera virxe, procedente das abellas, senón con pranchas de parafina, un hidrocarburo co cal conseguen os mesmos resultados que coa cera virxe. Esta antiga cera natural (das abellas), empregábase na elaboración das velas, pero agora emprégase maioritariamente na elaboración de cosméticos e o seu prezo é moi elevado, o que impide ós cereiros traballar con este material de cara á súa comercialización.
Javier Tobío elabora diferentes productos de cera, entre os que destacan as velas, os velóns (cirios), as candeas (velas pequenas) e os exvotos. Estes últimos consisten en pequenas figuras de cera que representan diferentes partes de corpo, que son ofrecidos ós diferentes santos para que estes intercedan polas súas enfermidades, como é o caso da Santa Minia no Concello de Brión.
O proceso de elaboración das velas, consiste en derrete-las pranchas de parafina, ou incluso algúns restos de velas, nunha caldeira de leña coñecida como “paila” a unha temperatura que ronda os 70ºC. Unha vez que a cera está en estado líquido, engádese algo de colorante e pásase mediante un cazo a un pequeno tanque coñecido como “nocle”. Será no nocle onde se vaian “bañando” as velas ata acada-lo grosor adecuado.
O proceso de “bañado” realízase coa axuda dunha antiga “roda” de madeira que permite introducir no nocle diferentes grupos de velas (como máximo 144 velas), que van rotando progresivamente nesta roda que, segundo conta Javier, goza de enorme antiguedade.
As velas báixanse progresivamente cara o nocle e van engordando. Este proceso pode durar aproximadamente tres horas (dependendo do grosor), ata que a velas adquiren o grosor axeitado. Definido por unha prancha de ferro situada na parte superior do nocle.
No tocante á comercialización das velas, destaca a maior demanda dos velóns ou cirios sobre as velas convencionais. Sen embargo, tódolos productos elaborados (candeas, velas, velóns, exvotos,…) véndense por kilo. Cada kilo pode levar diferente número de velas, dependendo do tamaño das mesmas.
As tempadas de maior traballo son en Semana Santa, en outubro e no verán, debido ás numerosas romarías que se celebran nos diferentes pobos de Galicia. O traballo de cereiro esixe tamén moito sacrificio e dedicación, ó cal se lle suman os riscos de traballar coa parafina, producto que desprende un forte olor cando se funde ó tratarse dun hidrocarburo, que co paso do tempo pode ocasionar problemas de saúde naqueles que a manipulan habitualmente.
Outro dos riscos deriva da posibilidade de que a parafina da caldeira chegue a ferver, desprendendo vapores tóxicos ou derramarse por fora da mesma producindo un incendio difícil de apagar.
A pesares disto, Javier Tobío está moi contento co seu traballo. O cal foi herdando dos seus antepasados e que espera que teña continuidade no futuro.