Este veciño do concello de Brión adicou case toda a súa vida á música. Comezou neste mundo da man de seu pai, que foi fundador e director da antiga banda de Luaña. Pasou ó longo da súa vida por varias agrupacións musicais e ós seus máis de oitenta anos aínda se sente con folgos para seguir tocando.
Leonardo López, músico e veciño do concello de Brión, naceu o 15 de outubro de 1920 na parroquia de Luaña. O seu pai foi director e fundador da antiga banda de música desta localidade. Foron catro irmáns e todos eles da mán do seu pai aprenderon as primeiras nocións de música e a tocar distintos instrumentos co fin de poder obter algúns ingresos.
Segundo nos conta este veciño de Brión, a música non lles daba para subsistir e o seu pai ademais de dirixir a banda de música tiña unha zapatería. Os catro irmáns axudaban no negocio e tamén aprenderon o oficio.
Cando tivo que ir a cumprir co servicio militar, xa estalara a Guerra Civil Española. Leonardo non estivo de combatente senón como músico na banda militar de Oviedo, xa que cando el marchou a Guerra estaba a piques de rematar.
Regresou a Galicia ó rematar o servicio militar e casou. Estivo uns anos de director da banda de Luaña, que fundara e dirixira o seu pai. Uns anos máis tarde deixou esta banda e foi para a de Padrón pero non de director, senón como músico onde estivo moitos anos. Conta que a pesar de ter bastantes saídas os ingresos que obtiña da música non eran moitos así que tiña que complementalos con outras actividades.
A mediados dos anos oitenta, o concello de Brión decidiu crear unha escola de gaitas e nomeou a Leonardo como profesor. Cóntanmos que daba clase a unha vintena de mozos e mozas deste concello. Esta escola complementábase con outra de baile e facían as actuacións en conxunto.
Logo duns anos decidiu volver de novo como músico para a banda de Padrón e deixar a escola de Gaitas. Estivo ata o ano 1999 cando decidiu ir a tocar para a banda de Negreira, na que está na actualidade.
Preguntámoslle se se sentía con forzas para seguir no mundo da música e contestounos que polo momento aínda tiña folgos para seguir facendo soar o clarinete que o acompañou durante a maior parte da súa vida.