Un ano máis a Carballeira de Sta. Minia vai converterse nun grande auditorio ao aire libre para acoller o Festival Internacional de Folclore 2011, unha das citas coa música e a danza tradicional máis destacados da comarca amaiana. No espectáculo, que se celebrará o domingo 17 de xullo ás 21:30 horas, participarán grupos de Brión, Narón, Euskadi, Chile, Rusia e Colombia, facendo honor ao título do festival.
Folclore nacional e internacional
Un dos grandes atractivos do festival é a presenza de grupos de música e danza chegados dende diferentes continentes. Este ano non non ía ser diferente e a representación internacional estará asegurada coa presenza de agrupacións chegadas dende América latina e Europa do Este. Tampouco vai faltar a representación peninsular, con grupos de Galicia e Euskadi.
A Escola Municipal de Baile galego e Pandeireta será a encargada de abril o festival, para dar paso a continuación á Banda de Gaitas do Padroado da Cultura, chegada dende a localidade coruñesa de Narón. Ámbolos dous grupos representarán a Galicia neste evento musical, no que tampouco podería faltar a música tradicional que se fai noutros territorios do Estado. Disto ocuparase a agrupación “Berriztasuna Taldea” chegada dende Portugalete, preto de Bilbao, que nos fará vibrar cos ritmos da música tradicional vasca.
O rico folclore do este de Europa vai brillar con luz propia grazas ao conxunto de danza e música “Kalina”, chegados dende a Confederación Rusa. Nacido na cidade de Toliatti, “Kalina” consta dunha agrupación de danza formada por 12 persoas e unha pequena orquestra integrada por 5 músicos, todos con idades comprendidas entre os 18 e os 45 anos.
América latina estará moi ben representada musicalmente grazas á presenza de dous grupos chegados dende Chile e Colombia. Neste último país, as tradicións folclóricas locais non son ningún segredo para “Otrora, Integración Folclórica Colombiana”, unha organización cultural que ten por obxectivos investigar, capacitar e difundir as tradicións do pobo colombiano. Conta con nenos, mozos e adultos interesados en aprender e conservar a riqueza cultural da súa rexión.
Chile presenta ao “Ballete Folklórico de Temaco”, unha agrupación curtida en numerosas xiras internacionais, onde conseguiu excelentes críticas. Nesta agrupación formáronse profesionais que hoxe pertencen ao Ballet Folclórico Nacional de Chile.
Unha festa con gran tradición
O Festival Internacional de Folclore é unha das citas coa danza e a música máis destacadas do calendario de actividades culturais de Brión e a súa comarca, acudindo puntualmente a súa cita dende hai varias décadas. Cun público fiel e unha clara vocación lúdica e divulgativa, o festival queres este ano converterse nun dos eventos máis destacados do verán brionés.