Infobrion Correo Electrónico

Entrevista a Marina Freire. Brionesa residente en Mar de Plata

Yolanda García. GIS-T IDEGA. USC

Marina Freire Langueira, veciña de Brión, presume abertamente dos seus cinco netos e dous bisnetos. Esta galega, emigrada na Arxentina, vivíu en Buenos Aires e hoxe reside en Mar de Plata. Con moita ledicia e agarimo lembra para InfoBrión a súa infancia e mocidade na aldea de Gundín, na parroquia dos Ánxeles.

Marina Freire Langueira, nada en Gundín no ano 1922, lembra con moito agarimo a súa infancia e tamén a súa mocidade no Concello de Brión, aínda que como ela recoñece foron tempos difíciles nos que había que traballar moito.

Ela e a súa familia dedicáronse principalmente a traballar as terras e manter o gando. A terra satisfacía todas as súas necesidades, pero, tamén é certo que para poder mercar certos alimentos dos que non dispoñían, como o aceite, aproveitaban para vende-las súas excedencias, sobre todo de froita, e así facer uns poucos cartos. Como recorda Marina foron moitas as viaxes que fixen andando ata Santiago, na compaña de veciños e amigos, para vender froita.

Ó pouco de nacer Marina, o seu pai veuse forzado a emigrar a Arxentina, país que Marina chegou a coñecer moi ben gracias ás cartas que lle enviaba o seu pai. Da súa infancia, Marina lembra a súa formación na Escola do Tremo coa mestra Dna. Carmen Troncoso e, tamén, ten moi bo recordo de tódolos nenos e nenas de Gundín e Cabanas cos que xogaba á estornela, ás agachadas e a mariola.

Tempos malos foron os que coincidiron coa guerra civil, pero, Marina prefire falarnos de cousas bonitas, por exemplo de festas e de bandas de música. Gustáballe moito o grupo Os Raposos de Roxos e a Banda de Luaña, sen esquecer a Magariños. Nas festas acudían á panadería de Serranito e facían biscoitos e roscas.

Con 26 anos, Marina decidiu emigrar a Arxentina, país no que aínda traballaba o seu pai. Partiu do porto de Vigo nunha travesía que durou 15 días, tendo como primeira escala o porto de Lisboa. Marina non tiña mágoa por deixar Galicia naquel intre, sentíase leda de ir coñece-lo país do que tanto lle falara o seu pai, agás, sentía pena deixar o seu avó o que tanto quería. Dinos Marina que se o seu avó estivera no porto de Lisboa regresaría con el a súa casa en Brión.

Tras botar 25 anos entre Bos Aires e Mar del Plata, Marina regresou a súa terra. Nunca poderá esquecer a tremenda emoción que sufriu no reencontro coa súa nai.

Hoxe en día Marina segue residindo en Arxentina, pero, sempre que pode aproveita para visitar Galicia e á familia do seu fillo Mario.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela