Infobrion Correo Electrónico
Imaxes Imaxes
Separador
Programación de Nadal 2016
 [+]
Sons
- Non hai
Videos
- Non hai
Info Relacionada
- Non hai
Foros Relacionados
- Non hai

Programación de Nadal 2016 do Concello de Brión

Infobrion.com

As celebracións de Nadal están cada vez máis próximas e o Concello de Brión, a través do seu Departamento de Cultura, ven de presentar o seu programa lúdico e cultural para estas tan sinaladas datas. Unha programación especial destinada a toda a familia, con cine, maxia, música e teatro, onde tampouco faltarán actividades de conciliación familiar, o tradicional concurso de tarxetas e o festival de monicreques de Brión. De seguido, toda a programación, punto por punto, sen esquecernos nada.

-Cine: Festival de curtametraxes de Brión

Un serán moi cinematográfico espera por ti o día 2 de decembro, a partir das 20:00 h., na Casa da Cultura de Brión. A sala de exposición municipal acollerá a proxección de "Mellores curtas 2011-2015 do Festival Cortoespaña". Unha sesión para maiores de 13 anos de idade con acceso de balde.

-Teatro: Andaina Mental "Shakespeare para tod@s"

O centro Social de Brión acollerá o 3 de decembro, "Día Internacional das persoas con discapacidade", a presentación a cargo de Andaina mental Teatro Afeccionado das obras "Romeo e Xulieta" e "O mercador de Venecia" de William Shakespeare. Unha sesión teatral que comezará ás 20:30 h., con acceso libre ata completar aforo. Recomendada para maiores de 7 anos de idade.

-XXVI Concurso de Tarxetas de Nadal

Ata o 21 de decembro recolleranse na Casa da Cultura as tarxetas para participar no tradicional concurso que dende hai máis de 25 anos pretende estimular as capacidades creativas dos nenos/as e mozos/as de Brión. Todo un clásico que sempre volta polo Nadal.

-Visita dos Reais Paxes aos centros educativos de Brión

O día 21 de decembro os Reais paxes ao servizo das SS.MM. os Reis Magos de Oriente visitarán as escolas de Brión para recoller as cartas que os nenos/nenas do concello desexen dirixir ás Súas Maxestades de Oriente, antes de que persoalmente visiten o concello para repartir agasallos e ilusión entre pequenos e grandes.

-Música: V Concerto de Nadal ESMU Magariños

O espazo polivalente do Centro Social brionés acollerá o día 21 de decembro o tradicional concerto de Nadal a cargo do alumnado do centro de formación musical municipal. O recital comezará ás 18:30 h., con entrada de balde ata completar aforo.

-Teatro: Os Quinquilláns presentan "Cousas" de Castelao

A área de normalización lingüística da Deputación da Coruña e a Editorial Galaxia presentan en Brión unha adaptación da obra de Castelao "Cousas" a cargo da compañía teatral Os Quinquilláns. Unha representación para público de todas as idades que terá lugar o venres 23 de decembro ás 18:30 h. no Centro Social Polivalente de Brión. Agasallarase a todo o público asistente con exemplares desa publicación.

-Festival de Maxia de Brión

A maxia e o ilusionismo chegan a Brión por Nadal para entreter por igual a pequenos e grandes, nun festival que vai celebrarse no espazo multiusos do Centro Social Polivalente os días 28 e 29 de decembro. Con funcións a cargo de Cayetano Lledó, que presenta o seu "Lafayette Show" e Martín Camiña, que nos sorprenderá co seu "Feitizo". Os dous días a entrada será de balde ata completar o aforo.

-XXI Festival de Títeres de Brión

Os monicreques non podían faltar á súa cita anual cun festival que dende hai 21 anos achega a Brión a maxia do teatro onde son protagonistas estes entrañables personaxes que tanto gustan a público de todas as idades.

O día 2 de xaneiro, Caramuxo teatro presenta a súa obra "As fabas máxicas". O día 3 de xaneiro, Títeres Trompicallo farannos rir con "Violeta Coleta contra ás salchichas gulp". Para rematar, o 4 de xaneiro, Tanxarina Títeres pecharán o festival con "Titiricircus?"

Todas as representación celebraranse no Centro Social Polivalente ás 17:30 h., con entrada de balde ata completar o aforo.

-Cabalgata de Reis

As SS.MM. os Reis Magos de Oriente, acompañado da súa comitiva real, visitarán o Concello de Brión a tarde do día 5 de xaneiro. Os ilustres visitantes serán recibidos por veciños e autoridades no Pavillón Polideportivo Municipal a partir das 17:00 h.

-Obradoiros de Nadal: do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro

Non podían faltar nestas datas as actividades educativas e de lecer que os "Obradoiros de Nadal" ofrecen a rapaces e rapazas de 4 a 11 anos de idade, que grazas ás vacacións escolares gozan dun tempo libre extra.

O Concello de Brión organiza do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro no CEIP de Pedrouzos e no Local social da Luaña estes obradoiros nos que as persoas interesadas poden inscribirse ata o vindeiro 16 de decembro na Casa da Cultura. O custo por facelo será de 30 ? para o primeiro irmán/á, 15 ? para o segundo e totalmente de balde para os seguintes. Máis información no tfno. 981 50 99 08 (Casa da Cultura).

Unha completa programación que axiña comeza e que nos lembra que falta menos para iniciar as celebracións dun Nadal que desexamos cheo de bos momentos a toda a veciñanza. Boas festas e venturoso aninovo.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela