Infobrion Correo Electrónico

O misterio da Santa Minia atrae a miles de devotos

GIS-T IDEGA- USC e Carlos Pintor

Diferentes referencias históricas confirman que os restos que se atopan no interior da figura que representa á Santa Minia pertencen a unha moza decapitada en Roma catro séculos despois da morte de Cristo. Soterrada na catacumba de Santa Inés durante máis dun milenio e exhumada a finais do século XVIII por mandato do papa Pío VII. Finalmente fíxose coas reliquias o comerciante gaditano don Tomás Anduaga e posteriormente o veciño de Lamiño (Brión) don Luís Tobío, quen decidiu trae-la Santa para o seu concello natal. Construíndose unha capela na honra desta virxe milagreira á que acoden miles de devotos tódolos anos coa finalidade de cura-las súas enfermidades ou doenzas. Ademais de disfrutar de varios días de festa na que non falta a boa música e as degustacións gastronómicas. Luís Tobío era un emigrante que nacera na aldea de Lamiño (parroquia de San Fins de Brión) no concello de Brión. Que traballou durante moitos anos para don Tomás Anduaga, co cal mantiña unha magnífica relación persoal ata o momento da súa morte. Ano no cal Luís Tobío, rechazando posibles indemnizacións polo seu despido, herdou a imaxe da virxe e decidiu regresar á súa aldea natal, traendo consigo a Santa Minia coa finalidade de crear un santuario na honra da santa. Na parte final desta reportaxe, dispoñemos dun enlace a unha sección de VÍDEOS en formato dixital da Festa de Santa Minia no ano 2004.

A SANTA MINIA


Todo parece indicar que os restos humanos que están no interior da figura da Santa Minia pertencen a unha moza de quince anos de idade decapitada en Roma no ano 362 d.C. A cal foi soterrada na catacumba de Santa Inés xunto a outros correlixionarios cristiáns. Ata que no ano 1783 foron extraídas polo obispo Bartolomé Menochio no cemiterio de San Calixto (Roma) por mandato do papa Pío VII. Entregándollas posteriormente a don Juan Francisco Arieta o 8 de xuño de 1804, dándolle o permiso de doalas a quen estimase oportuno. As reliquias de Santa Minia e a parte central da lápida de mármore da catacumba foron doadas un mes despois a don Tomás Anduaga, rico comerciante de loterías que habitaba na cidade de Cádiz. Quen decidiu introduci-los restos da mártir no interior dunha figura que representaba a imaxe de “Minia in somno pacis” (Minia no sono de paz). Inscrición que figuraba na lápida, sobre a cal Tomás Anduaga gravou a data na que os restos da virxe chegaron a Cádiz: “El cuerpo de esta Santa entró en mi casa el día 10 del mes de agosto del año del señor de 1804 y se colocó en el oratorio en dicho día”. Colocando esta figura, un vaso coa suposta sangue da mártir e unha parte da lápida nunha urna no interior dunha capela privada para veneración familiar.
Trala morte deste comerciante gaditano, o representante da casa dos Anduaga (don José Finoquio) faise cargo da virxe e entrégalla a don Luís Tobío o 27 de outubro de 1847 cumprindo así o desexo do seu propietario.
Luís Tobío era un emigrante que nacera na aldea de Lamiño (parroquia de San Fins de Brión) no concello de Brión. Que traballou durante moitos anos para don Tomás Anduaga, co cal mantiña unha magnífica relación persoal ata o momento da súa morte. Ano no cal Luís Tobío, rechazando posibles indemnizacións polo seu despido, herdou a imaxe da virxe e decidiu regresar á súa aldea natal, traendo consigo a Santa Minia coa finalidade de crear un santuario na honra da santa.

ROMA - CÁDIZ - BRIÓN: A viaxe das reliquias da Santa Minia.
Con este propósito, comezou a súa viaxe por mar dende Cádiz ata o porto de Vigo. Lugar onde conseguiu un carro para transporta-la figura ata Brión, chegando finalmente o día 1 de agosto de 1848. Tardando tan só tres días en redactar unha instancia ó arcebispo de Santiago de Compostela (Fr. Rafael de Vélez) para que autorizase o seu culto na igrexa parroquial de San Fins de Brión. Unha vez aceptada a petición, depositouse o 17 de novembro do mesmo ano na igrexa parroquial, onde comezou a recibir adoración.
Visto o enorme éxito da nova virxe entre a poboación católica da comarca, don Luís Tobío comezou a idea-la construcción dunha capela propia no campo de festa de Brión, no lugar de Pedrouzos. Con este obxectivo, comezou toda unha campaña de marketing e promoción coa finalidade de recoller esmolas polas aldeas, comproba-la autenticidade das reliquias e establecer diferentes contactos co arcebispo de Santiago para que autorizase a construcción dun novo santuario.
Finalmente, foi o día 23 de xuño de 1849 cando o arcebispo autorizou a construcción dunha capela propia. Demorándose finalmente ata 1851 o comezo das obras. Dirixidas por don Manuel de Prado y Valls, fillo do arquitecto Melchor de Prado; autor, entre outras obras, do “Teatro Principal” de Santiago de Compostela. Utilizándose numerosos bloques de pedra granítica procedente das ruínas das Torres de Altamira, fortaleza que foi residencia dos diferentes condes de Altamira durante varios séculos.
Entre os anos 1851 e 1857 construíuse a nave e a sancristía. Deténdose as obras neste último ano, debido á desconformidade do arquitecto por face-lo cruceiro e a cúpula de estilo barroco. Unha vez solucionados estes problemas, continuaron as obras ata que o 26 de setembro de 1868 trasladaron as reliquias ata o novo santuario. Sen embargo, as obras quedaron estancadas e non se chegaron a construí-las capelas laterais do cruceiro, a nave, a fachada e o campanario. Tan só no ano 1905, decidiron cambia-la urna de cristal por unha nova e construí-los altares laterais na honra da Virxe de Luján e da Virxe de Lourdes respectivamente.

A ROMARÍA E O CULTO Á SANTA MINIA NA ACTUALIDADE
Actualmente as obras do santuario seguen paralizadas, pero a romaría continúa celebrándose cada ano tódolos 26 e 27 de agosto dende mediados do século XIX. Datas nas cales a Santa Minia acolle a numerosos romeiros que deciden bica-la urna e renderlle culto á virxe milagreira, coa finalidade de cura-las enfermidades ou doenzas. De forma paralela, celébrase unha festa na cal nunca falta a música das “charangas”, as pulperías, as orquestras, o mercadiño, os xogos, a venda de estampas e recordos, etc. Que permiten que miles de asistentes veñan a Brión por motivos relixiosos, por curiosidade ou por gañas de festa e divertimento. Podedes escoitar algúns testemuños nos sons que figuran na marxe dereita da presente reportaxe.
Lamentablemente, toda a historia que rodea á Santa Minia dende o momento do seu traslado a Brión estivo rodeada dunha enorme polémica que, sen dúbida, dana a imaxe desta tradicional romaría.
Moitas críticas céntranse na propia exhumación e traslado do corpo da mártir (si realmente existiu) no século XVIII. Un século no cal se realizaron numerosos roubos de reliquias i exhumacións de cadávares con fins comerciais, debido ó seu valor histórico e á posibilidade de atopar obxectos de valor nas tumbas. Por iso non sona raro que os principais beneficiados, sobre todo o comerciante gaditano Tomás Anduaga, puideran facerse coa propiedade dos restos da suposta mártir.
Sen embargo, a principal crítica céntrase no enorme interese de don Luís Tobío en facerse coas reliquias e organizar toda unha campaña de marketing na que involucrou ó cura parroquial e ó arcebispo de Santiago de Compostela para crear un novo santuario e, entre os tres, repartirse os beneficios das abundantes esmolas que deixaban os romeiros. Parecendo incluso que todo foi creado con fins comerciais ó marxe de que no interior da figura da Santa Minia existan restos humanos ou non. Por iso, moitos veciños seguen criticando na actualidade que os descendentes de Luís Tobío sigan quedándose cun importante porcentaxe das esmolas. Feito que está moi mal visto entre moitos dos asistentes á romaría. Creándose un amplo debate entre os partidarios dos fins relixiosos e os partidarios dos fins económicos (negocio) da Romaría de Santa Minia, ó igual que acontece outros lugares de Galicia: Os Milagres de Amil (Moraña - Pontevedra), Os milagres de Requián (A Estrada - Pontevedra), etc. Neste último dicíase que antigamente o cura quedábase tódalas esmolas para uso propio, o que levantou unha enorme polémica no lugar. Pois neste tipo de eventos, a recadación ascende a varios millóns das tamén antigas pesetas.

Ó marxe de opinións persoais, actualmente a Romaría da Santa Minia é unha das concentracións relixiosas máis importantes de Galicia e numerosos devotos chegan ata Brión para bica-la Santa, deposita-las velas, rezar e ter fe en que as súas enfermidades ou as dos seus familiares poidan curarse ó marxe dos hospitais e os centros sanitarios, fartos xa das continuas visitas ós médicos sen que mellore o seu estado de saúde. Outros, ó marxe dos motivos relixiosos, veñen a Brión para xantar, bailar, divertirse e pasalo tempo nunha festa popular que dura tres días: 25, 26 e 27 de agosto de cada ano.
De aí que o valor socio – cultural i económico desta romaría sexa de enorme interese e supoña un dos principais atractivos do concello de Brión.

Neste ano 2004 o bo tempo e a intensa afluencia de visitantes durante os tres días da festa axudou a manter unha tradición romeira que se mantén dende mediados do século XIX. Na imaxe que presentamos a continuación podedes ve-las fotografías, os vídeos e escoita-las charangas, a música tradicional, o ambiente na Carballeira, no adro da capela, a opinión dos romeiros, etc.

Se desexas máis información sobre a Santa Minia podes consultar a seguinte páxina web: www.santaminia.org
Para calquera dúbida, aclaración ou información sobre esta reportaxe podes enviarnos a túa opinión ó e-mail: info@infobrion.com

Dispoñemos dunha ampla reportaxe sobre as edicións da Romaría de Santa Minia nos anos 1991, 1993, 1995, 1996, 2000 e 2004; sobre a Festa da Froita e Romaría Internacional e outras celebracións levadas a cabo no concello de Brión.


Preme nesta imaxe para entrar na reportaxe da FESTA DA SANTA MINIA 2004 e ve-los VÍDEOS



Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela