| 21/11/2008 | O Plan de Vivenda Protexida para a área de Santiago prevé casi 4.700 ata o 2017 |
|---|---|
| 14/06/2007 | A pegada dos indianos en Brión |
| 13/09/2006 | Os Castros de Brión |
| 19/07/2004 | O Pazo do Casal |
| 09/07/2004 | Os pombais de Brión |
| 15/06/2004 | Coñece a orixe das pontes de Brión |
| 21/05/2004 | As Torres de Altamira |
| 21/10/2003 | Emilio García, un dos fundadores do Cine Mahía de Brión |
| 16/10/2003 | O Pazo de Armesto |
A biblioteca pública municipal de Brión ven de estrear novas instalacións. Tras varias semanas na que o servizo estivo interrompido por mor das obras de acondicionamento do novo espazo e posterior mudanza, a biblioteca volta a estar operativa dende comezos de abril.
Coa nova localización, no primeiro andar da antiga Casa Consistorial, a biblioteca case duplica o seu espazo, que pasa dos anteriores 100 aos máis de 190 m2 dos que agora dispón. Unha mellora que se aprecia nada máis entrar, sobre todo cando se combina coa maior altura e luminosidade do local, que dispón dun teito de madeira no que se localizan tres puntos de iluminación natural que ambientan a sala principal, creando unha agradable atmosfera que favorece a lectura.
O espazo estruturase en tres salas. A central, acolle o fondo principal, e nela atópase o mostrador de atención ao público, as computadoras de acceso a internet e 16 postos de lectura. Dende ela pódese acceder a ás outras dúas, que se sitúan nas esquinas do edificio. Trátase de espazos especializados, un deles pensado para o estudio, con 8 postos de lectura, e outro para acoller aos usuarios máis pequenos.
O mobiliario foi aproveitado na súa gran parte, coma os andeis ou ou o mostrador de atención ao público. Incorporáronse novas mesas e cadeiras moito máis cómodas que as anteriores, tanto no servizo de acceso a Internet coma para lectura e estudo. A lectura informal na biblioteca dispón agora duns cómodos sofás, recuperados da vella alcaldía.
Sala infantil renovada
A sala infantil, de 28 m2, foi completamente renovada con andeis, mesas e cadeiras adecuadas aos usuarios máis pequenos. Nela vanse realizar as actividades de animación e promoción de lectura como o programa “Xogando cos Contos”.
Espazos especializados
Outro dos espazos a destacar é a sala de estudio, situada nun dos laterais do edificio. Completamente acristalada, como ocorre coa sala infantil, dispón de luz natural ao longo de todo o día e unhas privilexiadas vistas da Carballeira de Santa Minia e o seu entorno. Nela, os usuarios que necesiten de tranquilidade e absoluto silencio, gozarán de oito postos de estudio, repartidos en dous espazos independentes, e acceso directo ás obras de referencia.
Novas tecnoloxías da Información
A biblioteca, como centro que é de recursos para a información independentemente do soporte no que se transmita, dispón dun servizo de acceso á Internet, con oito computadoras para uso público, na que tamén se poden consultar o catálogo on-line. O acceso a rede a través destes terminais compleméntanse coa wi-fi da Rede de Telecentros, que permite a utilización de ordenadores portátiles particulares e outros dispositivos móbiles como tabletas ou smartphones.
Xunto cos libros, tradicional soporte de transmisión cultural, a biblioteca ofrece aos usuarios unha sección especializada en audiovisuais e multimedia, con contidos en diferentes soportes dixitais como DVD, CD-ROM ou audio CD. Os usuarios axiña van poder consultar estes recursos na propia sala, a través dun monitor acompañado de reprodutores de DVD/CD e VHS.
Nos vindeiros meses a biblioteca tamén irá renovando e actualizando os seus fondos. Tamén se van organizar visitas guiadas dos nenos e nenas dos diferentes ciclos educativos, en colaboración cos centros de ensino do concello. Outra novidade vai ser a ampliación do horario de atención ao público. De luns a venres abrirá mañá e tarde, con horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 h. Os sábados abrirá só pola mañá, de 10:00 a 14:00 horas.