Infobrion Correo Electrónico

Unha expedición de universitarios irlandeses visita Vila Amalia na parroquia de San Fins de Brión

InfoBrion

O pasado mes de abril unha expedición de estudiantes irlandeses da University College Cork, dirixidos polo Doutor Patrick O´Flanagan co apoio do Grupo de Investigación GIS-T IDEGA, realizaron como xeógrafos un valioso traballo de campo co ánimo de coñecer Galicia, as súas paisaxes, as súas cidades e vilas, as súas xentes e as súas costumes. O grupo de universitarios, hospedados no Colexio La Salle en Santiago de Compostela, comezou o seu traballo percorrendo a capital de Galicia. Unha impresión xeral do urbanismo da cidade puido ser ollado dende o alto do Monte Pedroso. Alí comprenderon o papel histórico e político desempeñado por Santiago de Compostela na conformación e confirmación da cultura galega, e recibiron uns apuntes básicos sobre a paisaxe e o modo de vida galego, así como sobre a evolución económica experimentada por Galicia nas derradeiras décadas do século XX e primeiro lustro do século presente. A visión inicial en Santiago de Compostela foi completada cunha visita ó Polígono Industrial do Tambre, onde puideron comprobar o volume das instalacións da fábrica madeireira FINSA, unha entidade industrial galega de sona internacional no contexto europeo, con sedes no veciño Portugal e incluso en Irlanda, concretamente no Condado de Clare.

A excursión continuou cunha visita guiada na fábrica leiteira FEIRACO. Alí, responsábeis da empresa tiveron a amabilidade de orientar ós convidados nas instalacións da empresa, comprobando in situ todo o proceso de elaboración e envasado do leite e derivados.

A visita completouse cun encontro organizado por FEIRACO nunha explotación gandeira no Concello do Val do Dubra. Os estudiantes irlandeses puideron comprobar o xeito de traballo nas novas e modernas explotacións gandeiras, que nos derradeiros anos deixaron de ser unha excepción no rural galego.

A xornada matutina rematou coa entrada do grupo en Vila Amalia, unha antiga propiedade de estilo indiano localizada na parroquia de Brión. Os xeógrafos percibiron abraiados a riqueza da casa no pasado, especialmente percibida pola presencia dun gran pombal de pedra.

O lugar escollido para o xantar foi a vila mariñeira de Noia. Nesta vila coruñesa percorreron o paseo marítimo e mailo casco vello. Nunha das igrexas locais coñeceron unha exposición de símbolos medievais vinculados coas distintas asociacións gremiais. Tamén, tiveron a sorte de apreciar como móese o trigo, o millo e mais o centeo nun muíño a carón do río Tambre.

As temperaturas agradables do día, convidaban a seguir coñecendo a costa galega. Así, a expedición optou por aproximarse ós Castros de Baroña, no Concello do Porto do Son. Alí entenderon mellor a historia galega e a evolución cultural, dende os primitivos pobos celtas ata chegar á actualidade. A viaxe rematou na vila turística de Portosín, onde os xeógrafos irlandeses deleitáronse coas embarcacións atracadas no Club Deportivo Náutico.

Envíalla
© 2006. Infobrion.com    |
Proxecto elaborado polo grupo de investigación Gis-T en colaboración co grupo Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela.
Patrocinio económico do Ministerio de Ciencia y Tecnología e programa PRODER-II. Proxecto SINDUR Sociedade da Información e Desenvolvemento Urbano-Rexional (SEC-2002/01874)
Coa colaboración de:     |
Unión EuropeaMinisterio de Educación y CienciaMinisterio de Agricultura Pesca y AlimentaciónXunta de GaliciaFondo Galego de Garantía AgrariaAgaderConcello de BrionFundación Germán Sánchez RuipérezUniversidade de Santiago de Compostela